"A poboación rusa vive bastante allea a todo o que rodea á guerra"

Unha estudante marinense decidiu fuxir de Moscova "por seguridade"
Alba Estévez en una fotografía tomada en Moscú. CEDIDA
photo_camera Alba Estévez nunha fotografía tomada na capital rusa. CEDIDA

Alba Estévez Otero é unha marinense de 21 anos que levaba gozando apenas un mes da súa bolsa de estudos na Universidade de Relacións Internacionais do Ministerio de Asuntos Exteriores de Rusia, en Moscova, cando estalou o conflito en Ucraína. "Foi unha sorpresa brutal que ninguén se esperaba. Quedamos xeados", recoñece.

Viaxara soa en febreiro á capital rusa e alí atopouse con quen ía compartir ensinos os próximos meses, pero finalmente cos que puido departir algo máis que simples saúdos foron cos seus compañeiros de residencia.

A moza explica que moitos estudantes decidiron abandonar o país nada máis producirse a invasión, "polo que lle puidese ocorrer aos estranxeiros", e aínda que ela non chegou a sentirse sinalada, decidiu sumarse tamén á estampida "por unha cuestión de sentido común e de seguridade".

Aí comezaron os seus problemas. A cancelación duns voos e a saturación doutros fixo misión case imposible regresar a casa por aire, así que tivo que desprazarse a outro país que si mantivese as frecuencias. Así foi como chegou a Estonia, desde onde tiña pensado volver a Marín "no primeiro enlace que consiga".

Sobre o ambiente que se respiraba en Moscova, Alba Estévez sorprendeuse de que a poboación "vivía bastante allea a todo o que estaba a ocorrer", consecuencia do bloqueo mediático do réxime de Putin. Iso si, admite a súa tristeza "cada vez que vía a un mozo novo irse á fronte".

comentarios