Pontón promete presionar no Parlamento para reforzar a Atención Primaria en Moaña

A portavoz nacional do BNG levará ao debate de investidura o plan de choque para investir 200 millóns na sanidade pública 
Visita de Pontón a Moaña. CONCELLO
photo_camera Visita de Pontón a Moaña. CONCELLO

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, confirmou este martes que levará ao debate de investidura (que se celebrará os días 10 e 12 de maio) o plan de choque proposto pola formación nacionalista para facer unha inxección de 200 millóns de euros na sanidade pública galega. 

Así o trasladou durante unha visita á localidade de Moaña, onde se reuniu coa alcaldesa, Leticia Santos, e con usuarios do centro de saúde para denunciar a situación da Atención Primaria neste pobo. 

Pontón sinalou que a defensa da sanidade pública será unha cuestión central na súa intervención no Parlamento nese debate e afirmou que volverá pór sobre a mesa ese plan de choque, así como a ampliación da carteira de servizos (con psicoloxía ou fisioterapia) nos centros de saúde ou a esixencia de que se convoquen todas as prazas vacantes do Sergas. 

Así mesmo, o BNG defenderá que se recupere a xerencia das áreas sanitarias de Atención Primaria, con xestión independente, recursos propios e capacidade de decisión. 

"Detrás do colapso están os recortes e as decisións dun goberno do PP, e teñen como consecuencia o desmantelamento dunha peza clave do sistema público de saúde, porque é a porta de entrada á Sanidade", sentenciou.

SITUACIÓN DE MOAÑA. Por outra banda, e en relación á situación de Moaña, Pontón constatou que os veciños deste municipio "levan meses dicindo xa abonda a tanto deterioración da Atención Primaria". 

Respecto diso, avanzou que o BNG vai "reforzar a presión" no Parlamento para que se cubran as prazas vacantes neste centro de saúde, se recupere a PAC e se reforcen e os servizos de Urxencias. 

Segundo denunciou o BNG, este municipio padece as consecuencias de ter menos horas de atención e non ter un servizo de Urxencias, o que se traduce en listas de espera. Ademais, moitos veciños non teñen médico asignado e cada vez son atendidos por un profesional diferente, con evidente "deterioración da calidade asistencial", ao que se suma a ausencia dunha ambulancia para dar servizo a este concello. 

Comentarios