Un portal web da a coñecer a riqueza patrimonial e cultural dos lavadorios de Marín

Máis de 60 de estes lugares da vila contan cunha ficha multimedia ► Tamén se renovou a sinalización dos lavadoiros
Cristina Acuña e Pablo Novas presentaron a páxina web. CEDIDA
photo_camera Cristina Acuña e Pablo Novas presentaron a páxina web. CEDIDA

O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, e a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, presentaron onte o novo portal web desde o lavadoiro Río de Casás, no que non só se renovou o panel indicador, senón que tamén se realizou unha intervención integral para renovarlle a súa cuberta e o seu acceso e mellorar así a súa integración paisaxística.

Neste novo enderezo online (www.lavadoirosdemarin.com) cada un dos máis de 60 lavadoiros da vila conta cunha ficha multimedia na que se pode ver unha galería fotográfica da imaxe actual de cada un dos lavadoiros, unha pequena descrición na que se detallan as características arquitectónicas, o emprazamento, un mapa con xeoposición e unha fotografía a 360 graos.

Os concelleiros coincidiron en sinalar na presentación da web a importancia de recabar todos estes datos, "de tal xeito que estean á disposición de toda a veciñanza ou daquelas persoas que teñan interese en coñecer máis sobre os nosos lavadoiros, a súa historia e todas as súas localizacións, para poder ir visitalos".

Tanto a renovación da sinalización dos lavadoiros como a creación deste portal web fixéronse con cargo a unha subvención para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico e cultural realizada pola Deputación de Pontevedra.

Comentarios