A praza de Pediatría que quedou vacante en Bueu cubrirase na próxima Ope

Juncal mantivo unha reunión coa Xerencia da EOXI para solicitar información sobre esta situación

A reunión foi "positiva. Viñéronnos cunha explicación que en principio nos parece correcta". O alcalde de Bueu, Félix Juncal, mostrou tranquilidade tras a reunión mantida este xoves co xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) da área sanitaria de Pontevedra, José Ramón Gómez, e co director de Atención Primaria da área, José Andrés Seco, ao que acompañou a concelleira de Sanidade do Concello de Bueu, Teresa López, para pedir explicacións sobre a actual vacante dunha praza de Pediatría no Centro de Saúde.

E é que fai unhas dúas semanas o Sergas decidiu trasladar a unha das facultativas a outro municipio debido a unha reorganización dos especialistas motivada pola falta de pediatras en toda Galicia. Deste xeito, o Centro de Saúde de Bueu queda a partir de agora cunha soa pediatra para atender a máis de 1.400 nenos e nenas.

Isto motivou a indignación dos budetenses e do propio Goberno municipal, xa que cunha praza de Pediatría vacante a carga de traballo para a única facultativa que queda no Centro de Saúde aumenta, o que leva unha maior espera para facerse cunha cita ou para ser atendidos.

O rexedor budetense solicitou, por este motivo, manter unha reunión coa Xerencia da EOXI, unha petición que foi atendida este xoves e que tranquilizou ao Goberno municipal, xa que se trata dun "problema transitorio". "Tranquilizounos no sentido de que esa praza que está vacante en ningún momento se cuestiona, xa que se volverá cubrir", explicou Juncal.

Así, o alcalde indicou que este caso obedece a ese déficit de persoal en toda Galicia,"e tamén ao modelo que existe de ir cubrindo as prazas de forma permanente".

De feito, nas últimas Ofertas de Emprego Público convocadas polo Sergas esta praza non foi cuberta porque nese momento a anterior pediatra ocupaba ese posto. Agora, coa praza vacante, o Sergas cubrirao na próxima Ope.

Por este motivo, ata a próxima convocatoria, o Centro de Saúde de Bueu contará cunha soa pediatra.

"NIVEIS CONSIDERABLES". Con todo, e a pesar de haber só un especialista en Pediatría en Bueu, o número de cartillas que atende o facultativo están nuns "niveis considerables", segundo trasladou a Xerencia da EOXI ao alcalde.

Así mesmo, Juncal quixo trasladar "a boa disposición da Xerencia" da EOXI de Pontevedra.

Comentarios