O Grupo Profand continúa sen responsabilizarse da morte de José Vicente Pazos

Tras o xuízo deste luns, a empresa e a familia terán que presentar unha alegación para ditaminar unha sentenza
La viuda, Sandra Patricia Arias. GONZALO GARCÍA
photo_camera A viúva, Sandra Patricia Arias. GONZALO GARCÍA

O tráxico final do Senefand 1 en augas de Senegal continúa sen ter un responsable. E é que a empresa viguesa, Profand, propietaria do barco que acabou afundido en augas senegalesas e que causou a morte de tres persoas, entre elas o patrón marinense José Vicente Pazos Martínez, negou este luns en xuízo ter responsabilidades no asunto.

Tras anunciar a asada semana a intención de reclamar uns 400.000 euros de indemnización pola morte do seu marido, a viúva do patrón e a súa familia terá que esperar aínda máis días para coñecer o final desta tráxica historia. Durante a mañá do luns celebrouse no Xulgado do Social número 1 de Vigo o xuízo pertinente ao caso, no que se esperaba determinar a responsabilidade do sinistro e fixar as correspondentes indemnizacións.

No xuízo, que se alargou desde as 9.00 ata as 14.45 horas, a xuíza intentou que ambas as partes chegasen a un acordo, no que a empresa pesqueira, Profand, e os seguros pertinentes deberían indemnizar á familia de José Vicente Pazos Martínez con 200.000 euros, a metade do que reclamaba a viúva, Sandra Patricia Arias.

Por outra banda, os seguros quixeron tomar distancias co caso ao alegar que o informe presentado polo Ministerio de Fomento sobre o accidente tiña algúns erros e que non valía na práctica. Xabier Aboi, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, que estivo presente no xuízo, explicou que "quedou claro que os dous seguros tiñan técnicos que non tiñan nin idea do que era un barco e que Profand confirmou que era culpa do morto, que eles non tiñan nada que ver e que o barco non era deles. É algo bochornoso e unha miseria persoal".

A xuíza ditaminou que ambas as partes terán un prazo de tres días para presentar unha alegación por escrito para poder ditaminar unha sentenza clara.

Comentarios