O PSOE de Marín solicita corrixir algúns problemas da piscina municipal

Os socialistas aseguran que se reciben varias queixas de usuarios das instalacións en canto ao confort das mesmas
Manuel Pazos. C. F.
photo_camera Manuel Pazos. C. F.

No pasado pleno da corporación, o partido socialista preguntou ao Goberno municipal polo correcto funcionamento da piscina municipal co corrixir e dar resposta ás queixas que reciben de usuarios en canto ao confort da mesma.

Por este motivo, os socialistas marinenses solicitaron concellaría responsable da área que facilite os datos que se miden diariamente, como a temperatura da auga da piscina así como a temperatura ambiente da zona de baño.

Desta forma, a oposición pretende comprobar se os parámetros son os correctos ou non, para así poder expor as medidas correctoras a realizar en colaboración coa empresa encargada da xestión. Durante o pleno, a agrupación socialista tamén trasladou ao goberno municipal unha queixa recorrente que ten que ver coa gran variación de temperatura nas duchas da piscina.

Mediante unha nota de prensa, o grupo socialista de Marín quixo destacar que "a resposta inicial do concelleiro responsable non puido ser máis desacertada ao desentenderse destes problemas e indicar que é un tema da empresa que ten a concesión". "Entendemos que o Concello debe verificar o correcto funcionamento da instalación e dar resposta aos problemas. Unhas veces serán cuestións que deba resolver a empresa concesionaria e outras veces será responsabilidade do Concello", prosegue o PSOE.

O portavoz municipal socialista, Manuel Pazos, anotou que "tras o gran investimento municipal que supuxo a piscina construída en tempos do alcalde Antonio Santiago (Toneco), agora non se pode caer na abandono e que se abandone o correcto mantemento da mesma. Non pode ser que abordemos obras de 4 millóns de euros como o novo centro cultural e ao mesmo tempo deixemos que se deterioren outras obras xa realizadas anteriormente por falta de atención e un correcto mantemento».

Segundo a agrupación socialista marinense, son moitos os veciños que optan por irse a outras instalacións deportivas e "se o que queremos é fixar e atraer poboación, o mero feito de descoidar as nosas instalacións, e polo tanto, os nosos servizos, fai o efecto contrario. Cando a xente opta por irse a outras instalacións por un déficit nas nosas, debemos corrixilo".

Comentarios