A obra no Mercado de Seixo, unha "oportunidade perdida" para o PSOE marinense

"É mellor agardar dous anos e poder plantexar un proxecto serio e meditado que levar a cabo unha obra con carencias" 
Infografía de la mejora del entorno del mercado de Seixo. DP
photo_camera Infografía da mellora do entorno do Mercado de Seixo. DP

Os socialistas tachan de "oportunidade perdida" o proxecto de mellora no entorno da Praza de Abastos de Seixo proposto polo Goberno local. A iniciativa foi presentada ante a oposición o pasado luns para compartir as ideas urbanísticas iniciais da arquitecta externa.

En palabras do voceiro municipal do PSOE, Manuel Pazos, "na nosa opinión este é o momento de plantexar un proxecto que aborde e integre todo o espazo entre a Avenida Otero Ulloa e o Camiño Vello. É mellor agardar dous anos e poder plantexar un proxecto serio e meditado que levar a cabo unha obra que ten moitas carencias". 

Así, os socialistas presentaron unha nova proposta para que a obra abordase todo o espazo da praza, adquirindo a edificación en ruínas que se atopa nese vial para permitir un tratamento integral de toda a rúa, "e non só dunha parte da mesma", así como a incorporación de tres parcelas adicadas a estacionamento.

"A solución de poñer unha pequena praza a nivel de 265 metros cadrados, cun peche perimetral en tres dos seus catro lados, na nosa opinión introduce máis barreiras das que elimina e condiciona o futuro dese espazo ao dificultar unha posterior integración da edificación en ruínas que alí se atopa", explican.

Neste sentido sinalan que "a obra ten un orzamento aproximado de 650.000 euros, pero consideramos que non adicar uns 150.000 euros para adquirir a edificación en ruínas é un erro", xa que permitiría a apertura do espazo cara a Rúa Doutor Otero Ulloa "recuperando boa parte das vistas sobre a ría que alí existen" e posibilitando a instalación dunha marquesiña para autobuses.

Os socialistas denuncian que, a pesar de que o plan do seu grupo "parece do agrado do equipo de Goberno", non se quere levar a cabo "porque considera que atrasaría unha obra que xa ten proxecto". 

Comentarios