"Queremos que o Samaín de Briz sexa unha data de referencia en Galicia"

Tras o éxito do ano pasado, a vila marinense volverá a converterse na capital do terror
O Concello xa está a traballar na organización do Samaín en Briz. CEDIDA
photo_camera O Concello xa está a traballar na organización do Samaín en Briz. CEDIDA

A Finca de Briz volverá a converterse este ano no epicentro das celebracións do Samaín de toda a contorna. E é que tras o éxito do ano pasado, o Concello non dubida en darlle continuidade a esta cita terrorífica, na que na anterior edición participaron centos de persoas de todas as idades. 

As concelleiras Marián Sanmartín, Raquel Soage e Elisa Dopazo reuníronse esta semana con representantes de Juan XXIII co obxectivo de comezar a organizar a nova edición do Samaín Briz, unha iniciativa promovida pola Área de Medio Ambiente e Benestar Social. 

"Queremos que o Samaín en Briz sexa unha data de referencia en toda Galicia·, explicou Marián Sanmartín, que considera que a finca ten un «enorme potencial" para poder levar a cabo nela actividades deste tipo, pensadas para toda a familia e cun engadido temático que lle aporta orixinalidade e diversión. 

Tal e como se fixo o ano pasado, deseñaranse dous "roteiros do medo" de diferentes niveis. "Queremos optimizar mellor o espazo, redefinindo un pouco o traxecto, co fin de facer a experiencia máis intensa e adaptada para todos", afirmou a concelleira. 

Así, ofertarase un percorrido con menos sustos e de menor dificultade, pensado especialmente para a mocidade de ata oito ou dez anos, e outro camiño, dirixido ao resto do público, será algo máis terrorífica e difícil. 

Despois do éxito que tivo a edición do pasado ano, o Concello recolleu todas as recomendacións que os asistentes fixeron "e incorporaremos todas aquelas que poidamos para que este ano todo sexa aínda mellor a todos os niveis". 

Haberá dous "roteiros do medo", un pensado para nenos e nenas de ata oito ou dez anos e outro para o resto do público

Nestes momentos, o equipo da Concellaría está inmerso na preparación do resto de actividades, paralelas aos roteiros, e no deseño da decoración e ambientación do parque, peza fundamental para converter á Finca de Briz nun lugar no que celebrar un Samaín de medo. 

POSTA EN VALOR DE BRIZ. Segundo indicou o Goberno municipal, a Concellaría de Medio Ambiente ten como un dos seus obxectivos primordiais a posta en valor da Finca de Briz, "por todas as posibilidades que ten a nivel paisaxístico, turístico e de ocio", subliñou. 

"Por iso, nos últimos tempos, leváronse a cabo moitas actuacións de mellora e acondicionamento da contorna, así como a creación de novas figuras, como a saia da Carolina ou a ardilla, que lle aportan aínda máis elementos á Finca dos Sentidos", engadiu o Concello. 

Comentarios