Ratificada a condena de 2 anos de cárcere por abusar da sobriña da súa parella no Morrazo

O TSXG rexeita o recurso do procesado ao considerar probado que houbo abuso sexual

Sede del TSXG. ARCHIVO
photo_camera Sede do TSXG. GOOGLE MAPS

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou, cun voto particular en contra, o recurso dun condenado a dous anos de cárcere por abusar da sobriña da que era a súa parella en maio de 2016, cando a menor tiña oito anos. Segundo a sentenza, o acusado cometeu os feitos cando se atopaban sos no domicilio do acusado, na zona do Morrazo, con ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais. O alto tribunal considera probado que houbo abuso sexual e que, como consecuencia destes feitos, a menor necesitou "asistencia psicolóxica". 

A Sala do Civil e Penal do TSXG desestimou as alegacións da defensa, pois considera que a sentenza emitida pola Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra apóiase "na proba testifical". Os maxistrados rexeitan que o acusado vexa debilitado o seu dereito de defensa, xa que recordan que o seu avogado puido "interrogar a cantos referiron as declaracións da menor". Ademais, os xuíces negan que o fallo se apoie exclusivamente nuns informes médicos, como sostén o recorrente. 

A Sala do Civil e Penal do TSXG tamén avala que a menor declarase por videoconferencia, pois varias sentenzas do Tribunal Supremo afirman que "a utilización do sistema de videoconferencia para a práctica de actos procesuais ten unha indubidable relevancia probatoria". "O acusado simplemente limitouse a cuestionar a adopción do medio a través do cal levou a cabo a introdución do testemuño da menor, á marxe de calquera irregularidade que no desenvolvemento da mesma puidésese producir", argumentan no seu fallo os maxistrados. 

Condénase ao acusado a pagar as costas deste recurso, incluídas as da acusación particular. Contra esta condena pódese interpor recurso de casación ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo.

VOTO PARTICULAR. Por outra banda, un dos maxistrados da Sala do Civil e Penal do TSXG pediu a "absolución" do acusado argumentando que "só restan dúas versións contraditorias dos feitos, contradición que é imposible resolver con criterios obxectivos e lóxicos propios de toda demostración minimamente eficaz e convincente e, por iso, ha de rexeitarse a valoración da proba". 
 

Comentarios