Un recoñecemento a aqueles que fan historia promocionando Marín

Os 'Premios Facendo Historia' homenaxearán á doutora Elena Pazos, ao boxeador Aarón González, a empresa O Percebeiro, Os Saljariteiros e ao club de baloncesto Marín Peixe Galego
La reunión preparatoria de los Premios Facendo Historia tuvo lugar este miércoles. M.G.
photo_camera A reunión preparatoria dos Premios Facendo Historia tivo lugar este mércores. M.G.

O club de baloncesto Marín Peixe Galego, o boxeador Aarón González, a doutora Elena, a empresa O Percebeiro e o grupo Os Saljariteiros serán os premiados deste ano na oitava edición dos Premios Facendo Historia, que cada ano organiza o grupo de acción cultural Xornadas-Reencontro coa Historia de Marín, integrado no club de opinión de Portocelo.

O evento, que se presentou este mércores no Manuel Torres, leva oito anos celebrándose e terá lugar o 17 de novembro no salón de plenos do Concello. A cita ten por obxectivo premiar a marinenses ou colectivos procedentes da vila que a través da súa actividade axudan a promover a imaxe de Marín.

Os premios divídense en catro categorías: deporte, ciencia e investigación, empresas innovadoras e música e tradicións, e durante a súa traxectoria homenaxeouse a máis de dúas decenas de veciños e empresas marinenses que nun campo ou noutro promocionaron o nome da vila co seu labor. A todos eles réndeselles "afecto e recoñecemento", aseguran desde a organización, por facer "historia promocionando e difundindo o nome de Marín, a través da súa traxectoria profesional, intelectual, cultural, deportiva, empresarial e incluso política, comprometéndose e implicándose no desenvolvemento socioeconómico e cultural do noso pobo", engaden.

A entrega de premios terá lugar o próximo 17 de novembro no salón de plenos da Casa Consistorial

A través dos Premios Facendo Historia, este ano, premiarase ao Club de Baloncesto Marín Peixe Galego, na categoría de Deporte polo seu destacado papel no panorama deportivo a nivel nacional. Tamén se homenaxeará ao deportista Aaron González, polo seu exemplo "non só do boxeo, senón de como se debe afrontar a vida para ser unha persoa de éxito" declaran desde a organización.

Na categoría de Ciencia e Investigación, o grupo de acción cultural premiará a Elena Pazos Chantrero, doutora en Química Orgánica e seleccionada polo programa InTalent para liderar un proxecto multidisciplinar sobre sensores intelixentes de enfermidades dexenerativas e nanomateriales.

A empresa marinense premiada este ano será O Percebeiro, especializada na comercialización de produtos do mar, situada no Porto da vila. Para rematar, o premio en Música e Tradicións outorgaráselle a comparsa Os Saljariteiros, polo seu labor na recuperación dos cantos de taberna e o achegamento das cancións populares á poboación de hoxe en día.

PROGRAMACIÓN. O evento, que terá lugar o 17 de novembro, comezará cunha presentación coa lectura de descricións dos premiados e a entrega de diplomas, ás 12.30 horas no salón de plenos do Concello de Marín. Ás 13.30 horas os asistentes poderán gozar dun concerto da man do Coro Thalassa e ás 14.00 horas a comitiva desprazarase ao Multiusos da Praza de Abastos para celebrar a comida de confraternidade e a entrega de distincións.

Comentarios