Restauran un cadro pintado por Torres durante a pandemia de 1918

A acción está enmarcada na conmemoración do Ano Torres que organiza o Concello
La concelleira Itziar Álvarez juanto a Eva Fontoira, la encargada de restaurar el cuadro. DP
photo_camera A concelleira Itziar Álvarez juanto a Eva Fontoira, a encargada de restaurar o cadro. DP

Hai pouco máis dun século, en 1918, o pintor marinense Manuel Torres pinto Los niños comiendo pasteles de Murillo, un cadro que o Concello de Marín decidiu restaurar para poder expolo proximamente no museo municipal. Esta obra é unha peza única que ata agora nunca foi exposta ao público.

A concelleira Itziar Álvarez visitou á restauradora Eva Fontoira, que é a que se está encargando de traballar no cadro de Torres, para coñecer o avance. A especialista indicou que, a pesar da necesidade da restauración, o cadro atopábase en bastante "bo estado", pero gañará en viveza e luminosidade co proceso que se lle está aplicando.

"Para nós é unha gran nova poder restaurar esta obra do noso artista pictórico de referencia, sobre todo coa enorme carga simbólica que supón que Torres a pintase durante a última pandemia acontecida no noso país, dadas as circunstancias que estamos vivindo", asegurou a edil, que engadiu que cousas como estas axudan a que vexamos a cultura da arte "como unha ponte entre os grandes fitos da nosa historia". 

Esta restauración enmárcase na conmemoración do Ano Torres, que viu a súa programación totalmente afectada pola pandemia.

HISTORIA. En 1918, a epidemia da gripe foi unha pandemia global que afectou gravemente ao municipio marinense, ao igual que está a suceder coa do coronavirus a día de hoxe. Durante esa crise sanitaria, a vida académica e demais sectores quedaron totalmente paralizados. Por aquel entón, o pintor de Marín Manuel Torres, que era docente, puido dedicarlle máis tempo á pintura.

José Trasande, director do Colexio San Luíz Gonzaga e capelán da Inmaculada Concepción, animou a Torres nesa tarefa proporcionándolle todo o material que necesitaba: un cabalete, lenzo, pinturas... Tamén Sor Dores Mosquera, da Inmaculada, permitiulle facer uso dos materiais que alí había, facilitándolle estampas para copiar. Unha delas foi, precisamente, o cadro de Murillo, un óleo sobre lenzo de 1917. Sobre esta historia, o Concello realizou un vídeo durante a época do confinamento.

Comentarios