Rexistradas 90 multas no primeiro trimestre do ano na Zona 2H de Marín

A gran maioría das persoas multadas por exceder o límite de tempo no uso destas rúas son do centro urbano da localidade
Un dos aparcamentos da Zona 2H de Marín. DP
photo_camera Un dos aparcamentos da Zona 2H de Marín. DP

A Policía Local de Marín impuxo cerca de 90 multas nos primeiros tres meses do ano por mala utilización da Zona 2H, unha regulación do estacionamento en rúas céntricas da cidade, cuxo obxectivo é favorecer a rotación e a estancia na vila para facer compras e recados.

Tal e como se conclúe do informe realizado polo corpo de seguridade municipal, a gran maioría das infraccións cométense por persoas residentes no propio núcleo urbano de Marín, deixando o coche estacionado nestas zonas sen movelo no seu correspondente momento.

A Zona 2H naceu cun obxectivo rotatorio e por iso se instala en determinadas zonas comerciais, nas que se pretende que os residentes do centro urbano poidan acceder a pé a facer esas xestións, priorizando as prazas de estacionamento para aquelas persoas que, por imposibilidade ou por distancia, precisen utilizar o vehículo privado.

Desde o Concello aseguran que se seguirán facendo controis periódicos para garantir o bo uso destas rúas e así que poidan cubrir o obxectivo e as necesidades para as que foron concebidas.

Actualmente, a Zona 2H está aplicada na contorna da Praza de Abastos, zona do Centro de Saúde, en Rúa Méndez Núñez, en Jaime Janer, na Rúa da Ponte e na zona da Avenida de Ourense.

Tras unha reunión cos veciños e comerciantes o pasado mes de marzo, o Concello de Marín decidiu ampliar este tipo de estacionamento en algunhas rúas da localidade como son a Rúa Exército e Mariña e aplicarase en Doctor Touriño Gamallo.

Comentarios