Rodrigo Pastoriza: "Os bonos ao consumo tiveron un gran resultado no Morrazo"

O empresariado da comarca leva vivido algo máis dun ano complicadísimo a raíz da covid-19 ► O xerente de Fecimo agarda que o verán sexa o punto de inicio da recuperación económica
Rodrigo Pastoriza, xerente de Fecimo. DP
photo_camera Rodrigo Pastoriza, xerente de Fecimo. DP

Leva xa varios anos como xerente da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, pero ningún deles se pareceu, nin por asomo, ao último. Desde a declaración do primeiro estado de alarma, a mediados de marzo do exercicio pasado, a actividade de Fecimo multiplicouse, sempre acompañando aos seus asociados, achegándolles toda a información existente (restricións, axudas, campañas e medidas propias e das administracións locais e autonómica). Foron tempos nos que o descanso resultou moi escaso e que aínda non remataron. O comercio e a hostalería de Bueu, Cangas e Moaña están a sufrir a súa peor crise, o que obriga aos seus representantes en Fecimo a multiplicarse e tentar, cando menos, dar alento aos seus asociados, a crear accións imaxinativas e de futuro e, sobre todo, a traballar codo con codo para que esta pandemia se leve por diante ao menor número posible de empresas e autónomos.

En que situación se atopa o comercio de Bueu, Cangas e Moaña a estas alturas desta longa e tan complicada pandemia?

O comercio atópase nunha situación delicada. A reducción de eventos, a limitación da interacción social entre as persoas, a imposibilidade de viaxar, etc. levou a unha importante redución do consumo. A clientela deriva o seu gasto cara a cuestións esenciais que están presentes na vida cotiá como a alimentación, equipamento do fogar no que pasan moitas horas ou directamente ao aforro ante a incerteza do futuro. Esta redución do consumo conleva que as vendas non acaden os niveis de anos anteriores e o comercio resíntese. É unha situación delicada que agardamos remate o antes posible para que comercio e clientela volvan recuperar a normalidade, a ledicia de volver a verse as caras e seguir consolidando esa relación especial entre o comercio local e os seus clientes.

Cal é o caso da hostalería, pola súa parte?

A hostalería tampouco está pasando polo seu mellor momento. Son moitos meses con peches ou restricións nos que os gastos non se minoran como si o fan os ingresos. Se antes non era un sector que destacase pola súa rendabilidade, ao recortar a capacidade de xerar ingresos a situación empeora. Ademais entre o sector hai un sentimento de trato inxusto por parte da Administración autonómica, xa que ponse continuamente o foco sobre a hostalería culpabilizándoa directa e indirectamente dos contaxios, cando son o sector que máis medidas de prevención e protección toman. Incluso levando medidas de control que lles corresponderían aos corpos de seguridade (policías locais, Garda Civil, etc.) co fin de velar pola seguridade dos seus negocios, xa que son os primeiros interesados en poder traballar e facelo con seguridade.

Agardamos que o verán sexa un punto de inflexión cara a un levantamento progresivo das restricións

Fecimo viviu un ano frenético e cunha actividade como nunca antes. Que se fixo desde a entidade para tentar contrarrestar o dano da covid-19 na comarca?

Dende a aparición da pandemia unha das nosas prioridades foi a de acompañar ás nosas empresas asociadas nesta situación insólita e complicada que nos está tocando pasar. Estar ao seu carón ofrecendo apoio e información de todas as dúbidas que poidan xurdir ante as distintas fases da pandemia e as medidas que se van implementando dende as administración. En segundo lugar, mantivemos un contacto constante coas administracións locais co fin de artellar e coordinar accións para axudar ás empresas a superar do mellor xeito posible a nova realidade. Froito destas accións puidemos levar a cabo o proxecto de dixitalización do comercio local, financiado pola Mancomunidade de Concellos do Morrazo, no que as empresas podían formarse en materia de dixitalización dos seus negocios ou entrar a formar parte do Marketplace do Morrazo de xeito gratuito. Outra das accións que saíron desas roldas de contactos coas administracións locais foi a campaña de bonos ao consumo Cangas consume en local que se levou a cabo en outubro do 2020, o que supuxo unha inxección de case 300.000 euros na economía local cunha inversión de 100.000 por parte do Concello. A campaña funcionou tan ben que este ano levarase a cabo algo similar nos tres concellos da comarca (Cangas, Bueu e Moaña) no que agardamos supoña un punto de inflexión para o tecido comercial local.

E si falamos de iniciativas puramente adicadas a dinamizar a actividade e economía comarcal?

No tocante á actividade dinamizadora de Fecimo, este ano decidimos intensificar a aposta que se viña facendo dende a Federación pola dixitalización do comercio local. Puxemos en marcha un Marketplace local, no que as empresas da comarca poden vender os seus produtos on line, os sete días da semana e as 24 horas do día. Comezou a funcionar tamén a tarxeta de fidelización do comercio local, coa que a clientela do Morrazo pode acumular saldo polas compras realizadas na comarca (Bueu, Cangas, Moaña e Marín), e acabamos de lanzar o módulo de ofertas e as App do comercio local para que as persoas clientas do comercio local non se perdan nada do que acontece nos seus negocios de confianza. En definitiva, estamos traballando para achegar o comercio local ao mundo dixital, sempre sen perder de vista a quen nos diriximos, que é o cliente local. Non pretendemos competir con Amazon, nin prometer vendas en todo o mundo, senón garantir que a clientela do comercio local, a que confía na súa tenda de confianza, poida ter canles de comunicación e venda dispoñibles as 24 horas do día.

Cal cre que foi a acción que mellor funcionou para impulsar a economía e axudar ao comercio e á hostalería?

Sen dúbida os bonos ao consumo foron unha acción que tivo moi boa acollida por parte do público, xa que era unha campaña proxectada para durar semanas e a resposta da clientela foi tal que o orzamento esgotouse en apenas sete días. De entre as ferramentas postas en marcha por Fecimo, non sabería destacar unha, xa que tanto o Marketplace como a tarxeta de fidelización están tendo moi boa acollida, tanto por tendas como polo público en xeral.

Están notando moitos peches de establecementos e baixas de autónomos?

Non dun xeito significativo. É certo que se produciron algúns peches e que, lamentablemente, seguiranse a producir nos vindeiros meses, mais podemos decir que estanse dando moi de vagar. As empresas do Morrazo están a amosar unha gran resiliencia e de seguro, coa axuda dos consumidores, conseguirán volver ás cifras de actividade da previa á pandemia.

O comercio atópase nunha situación delicada. As restricións levaron a unha importante redución do consumo

Que está facendo Fecimo, desde as súas posibilidades, e que fará para tentar evitar os peches e a destrución de emprego?

Ogallá tivésemos a chave para evitar peches e destrución de emprego. Lamentablemente temos uns recursos moi limitados para poder influír nesas variables. O noso labor, como comentabamos anteriormente, vaise a seguir centrando en dotar ás empresas de ferramentas para chegar a clientes e potenciais clientes (dixitalización, formación, etc.) , e acompañalas mediante o asesoramento en todo o que precisen neste camiño cara unha nova normalidade. Dende Fecimo estamos poñendo todo o noso esforzo en que dende as administracións locais se poidan poñer en marcha plans de reactivación para o tecido comercial e hostaleiro local, pero sendo conscientes tamen das limitacións orzamentarias dos propios concellos. A predisposición é boa polas partes e o diálogo é fluído.

Como ve o futuro e cando poderiamos ir evolucionando cara a unha mellor situación para o comercio e a hostalería na comarca? Cando cre que poderemos ter unha certa normalidade similar á anterior á pandemia nos sectores que representa? Canto cre que tardaremos en volver á situación anterior, se o considera factible?

Na Federación somos optimistas por natureza e cremos que o peor da pandemia xa pasou. Agardamos que o verán sexa un punto de inflexión cara un levantamento progresivo das restriccións e poder vivir un cuarto trimestre do ano o máis "normal" posible. Penso que o futuro vai ser esperanzador e que o comercio local do Morrazo, coa recente incorporación de Estrela de Marín á Federación, vai saír reforzado da unión e suma de forzas destas dúas entidades. O comercio local da comarca do Morrazo ten futuro.

Ponse o foco sobre a hostalería e son os primeiros interesados en poder traballar e facelo con seguridade

Comentarios