Os socorristas continuarán vixiando os areais de Marín ata este domingo

A única praia que queda sen vixilancia é O Santo, debido a que dous traballadores pediron a baixa voluntaria por motivos persoais

Los bañistas siguen acudiendo a las playas de Marín. DAVID FREIRE
photo_camera Os bañistas seguen acudindo ás praias marinenses. DAVID FREIRE

Os bañistas poden seguir sentíndose seguros nos areais marinenses, porque ata o domingo 16 de setembro os vixiantes da praia continuarán velando polo benestar e a seguridade das persoas que acudan a darse un mergullo, a pasear ou a tomar o sol.

Nas praias de Marín continuarán traballando ata o domingo 19 socorristas, tres patróns e un coordinador, que se reparten do seguinte modo: dous en Portocelo, dous en Mogor, catro en Aguete (dous en cada unha das praias), e outros dous en Loira. Os patróns teñen a base de operacións en Aguete, por ser o areal intermedio a todos os do municipio e que permite que a lancha de urxencias poida saír cara ás demais praias no menor tempo posible.

O areal que queda sen vixilancia é O Santo, porque dúas dos traballadores pediron a baixa voluntaria por motivos persoais e o Concello considerou máis oportuno restar vixilancia ao areal con menor afluencia de bañistas. O persoal de traballadores que se encarga da vixilancia das praias finalizará o contrato co Concello de Marín o domingo 23 de setembro, pois a pesar de finalizar a actividade nas praias o día 16, correspóndelles unha semana de vacacións polo tempo traballado.

As praias de Marín rexistraron durante o verán unha gran afluencia de bañistas e nos meses de xullo e agosto contabilizáronse un total de 1.370 incidencias. O bo tempo que está a rexistrar o mes de setembro fai que os areais continúen enchéndose de xente día a día e que a presenza dos socorristas sexa importante nos areais marinenses.

Comentarios