O SonRías Baixas levou máis de 22.000 persoas a Bueu nunha nova "marca histórica"

A organización calcula que o festival xera na comarca un impacto superior ao millón de euros
Colas no SonRías. PROLIGHT FOTO ESTUDIO
photo_camera Colas no SonRías. PROLIGHT FOTO ESTUDIO

O festival SonRías Baixas reuniu na súa XVII edición, entre o 1 e o 3 de agosto, 22.065 persoas. Os datos da organización amosan que chegaron a Bueu desde toda a Península, para gozar de tres xornadas de música, gastronomía e praia. 

A proposta incluía unha ampla programación musical e actividades complementarias, como a oferta gastronómica a partir do Polbo das Rías ou a cata de viño Tinto Femia que se ofreceu, de xeito gratuíto, a 25 asistentes ao festival. 

Así as cousas, tras unha edición que contou con La Pegatina, La M.O.D.A., Sés, Zoo e Boikot —entre moitos outros—, os organizadores celebran que o público respondeu, ofrecendo unha nova marca histórica para o festival. Segundo as súas estimacións, cada ano xera na comarca un impacto superior ao millón de euros, cunha ocupación hoteleira do 100% e cos establecementos da vila "ateigados de festivaleiros". 

A partir de aí, o reto para a organización é "seguir medrando e mellorando sen perder a esencia dun festival que naceu da paixón polos festivais do equipo directivo".

Comentarios