"Temos dereito a acceder a comercios sen que nos teñan que atender na porta"

Un total de 18 marinenses uníronse nunha nova asociación para reclamar os dereitos de accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida e demandar cambios na localidade

 

 

La alcaldesa, María Ramallo, y el edil Manuel Santos, recibieron a la asociación esta semana en el Concello. DP
photo_camera La alcaldesa, María Ramallo, y el edil Manuel Santos, recibieron a la asociación esta semana en el Concello. DP

"Polos nosos dereitos" é non só toda unha declaración de intencións, senón tamén o nome escollido por un grupo de 18 marinenses dispostos a loitar fronte ás institucións para reclamar a accesibilidade universal en toda a localidade. Gerónimo Durán é o presidente do colectivo, composto por persoas de mobilidade reducida, que esta semana se reuniu coa alcaldesa, María Ramallo, e o edil Manuel Santos, para presentarse oficialmente e dar comezo ao cambio que esperan ver en Marín.

A asociación empezou ao máis puro estilo século XXI: cun grupo de whatsapp. Así comezaron as conexións entre os seus integrantes en xullo do ano pasado, co obxectivo esencial de dar a coñecer os problemas de accesibilidade que ten a localidade. Que non son poucos.

O tanatorio, a Policía Nacional, o local de Correos ou o notario son algúns dos espazos na lista da asociación que presentan problemas de acceso. "Correos ten unha rampla inviable, ao notario non podes acceder porque hai escaleiras e na Policía Nacional hai un salvaescaleras que sofre fallos técnicos habitualmente", enumera Durán, que insiste en que, lonxe de denunciar directamente, pretenden dar a oportunidade a todos estes lugares de mellorar e remediar estes problemas, sen deixar "que pasen por encima de nós", sentenza.

Máis aló de centrarse unicamente no acceso para cadeiras de rodas, a asociación fai fincapé en que a accesibilidade universal é precisamente iso, universal, e atende a eliminar barreiras arquitectónicas para todos, sen excepción. Cognitiva, arquitectónica e electrónica son só algúns dos accesos que se deben garantir para permitir o uso e goce da contorna a calquera persoa sen importar a súa discapacidade.

"Temos dereito a poder acceder a calquera comercio ou local, mirar o que hai e escoller o que queiramos sen que nos teñan que atender na porta como se fai moitas veces", explica o presidente con respecto aos comercios da localidade. "Creo que a ninguén lle gustaría que lle atendesen na rúa, pero iso non se ve , denuncia con respecto ao acceso para cadeiras de rodas. Por iso, entre os obxectivos de Polos "nosos dereitos" atópase reclamar aos novos locais que abran en Marín que cumpran coa normativa actual para garantir estes accesos, pero tamén en esixir aos establecementos con licenzas antigas que as renoven para que cumpran coas esixencias da lei porque "para iso están".

PROBLEMA DE VIVENDA. Os problemas de accesibilidade non se limitan unicamente a comercios e edificios públicos. E é que as persoas con mobilidade reducida topáronse tamén cun enorme problema para atopar vivenda en Marín debido ás barreiras que presentan as xa poucas opcións que hai. "Se son unha persoa que vivo de aluguer e quero cambiar de piso, estoy moi limitado a aqueles aos que podo acceder. Non é xusto", explica Durán.

O colectivo prepara agora a súa propia páxina web e espera poder reunirse coa alcaldesa proximamente para comezar a asesorar ao Concello sobre os cambios que se deben realizar. As persoas interesadas en contactar con eles para colaborar ou unirse poden acudir ao seu local municipal na Rúa Sagrada Familia, número dous.

Comentarios