A quenlla de 300 quilos que roldou Ons

Unha embarcación de pescadores sanxenxinos topouse entre as súas redes, botadas a seis millas da Illa de Ons, cun exemplar que podería ser de quenlla branca

Sucar o mar, aínda que tamén é un oficio, case sempre constitúe unha auténtica aventura. Os pescadores galegos están afeitos a toparse nas súas travesías de faena con especies alleas á pesqueira que practican, pero de cando en vez caen nas súas redes algúns exemplares dignos de gardar na retina e de compartir co resto da sociedade. Despois do boom de avistamentos de baleas azuis que se produciu en augas das Rías Baixas antes da chegada do verán, que conseguiu dar un empuxón á investigación sobre as rutas migratorias destes colosos mariños, agora son as quenllas as que copan titulares e fotografías.

O patrón do barco: "Eu levo 23 anos de mar e nunca vira unha quenlla coma esta"

Nas últimas semanas, varios exemplares de diversas especies de quenlla foron avistados na costa galega, pero ningún como o que, por accidente, capturaron uns mariñeiros da Confraría de Santa Rosalía de Sanxenxo, un impresionante animal mariño ao que os pescadores lle calculan un peso de entre 300 e 400 quilos.

O rechamante da quenlla, explica o patrón maior da confraría, Sauro Martínez, é a súa dentadura, "con dúas filas de dentes" tanto na parte superior como no inferior. Este trazo, unido ao seu peso e aos máis de tres metros de lonxitude que boamente puideron calcularlle os mariñeiros, é o que leva a Martínez a aventurar que se trataba dunha quenlla branca, atípica nas nosas augas.

A embarcación que atopou á quenlla dedícase normalmente á captura de especies como o linguado ou o rapante

"Eu levo 23 anos de mar e nunca vira unha quenlla coma esta", asegura o patrón. O barco que se topou con el, a unha distancia de seis millas da Illa de Ons, tratou de traelo ata terra, "pero non puidemos, porque pesaba moito". A embarcación, dedicada a especies como o linguado ou o rapante, conta cunha maquinaria que non soporta tanto peso, a pesar de que os catro tripulantes uniron a súa forza para tratar de subir ao animal.

Este non é, con todo, o único exemplar de quenlla capturada polos mariñeiros sanxenxinos nos últimos meses. Un dos integrantes da flota da confraría pescou por accidente outro que, segundo apunta o patrón maior, non se parece aos que se atopan con relativa frecuencia cando navegan fóra das augas que bañan a Illa de Ons. "Tamén parece que é da familia da quenlla branca, porque normalmente os que collemos son azuis e son diferentes a estes".

CALOR NA AUGA. Nos últimos tres anos, Martínez notou un crecemento paulatino da presenza desta especie na ría. Aínda que non pode asegurar con certeza cal é o factor de desencadenamento, si que apunta ao aumento da temperatura da auga como a posible causa destas visitas.

Bruno Díaz, director do BDRI: "É necesario estudar ben o exemplar para saber se é ou non unha quenlla branca, porque sería algo moi estraño nesta zona"

O director do Instituto para o estudo dos golfiños mulares (BDRI), Bruno Díaz, tamén cre que se debe ter en conta o calor da auga á hora de investigar o comportamento das quenllas en Galicia, aínda que non subestima o papel que xoga a influencia das mareas. Con todo, Díaz móstrase estrañado ante a posibilidade de que se trate dunha quenlla branca. "Hai moitos exemplares de gran tamaño doutras especies, como de marraxos ou de quenllas peregrinas", indica, á vez que asegura que este ano está a ser moi frutífero en avistamentos grazas á calma das augas. "Ás veces, son peixes que levan aquí moito tempo pero que son moi difíciles de identificar e localizar".

Sauro Martínez, patrón maior de Sanxenxo: "Durante o ano, é fácil que nos atopemos con algunha quenlla azul ou dos chamados peregrinos, que son inofensivos

"Hai biólogos que aseguran que isto foi algo raro, anecdótico", coincide o patrón de Sanxenxo. O que si está a ser unha constante cada vez maior é a presenza da quenlla tintureira, tal e como detalla Bruno Díaz, "cuxas cativas adoitan estar preto da costa. É unha quenlla clásica, que ás veces supera os tres metros de longo".

O que os mariñeiros teñen claro é que, sexan da especie que sexan, están a navegar polas rías. Queda descubrir se viñeron de turismo ou se volverán.

Comentarios