Todo ten sentido no CEIP de Ardán

O centro educativo marinense participa no VII Concurso Cantamos con las Manos da FAXPG coa canción 'Nada tiene sentido' do músico pontevedrés Javier Lago

Alumnos do CEIP Ardán visualizando o vídeo final para o concurso da FAXPG. DP
photo_camera Alumnos do CEIP Ardán visualizando o vídeo final para o concurso da FAXPG. DP

Achegar a linguaxe de signos á comunidade educativa é un dos moitos obxectivos do certame Cantamos con las Manos que dende hai sete anos impulsa a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG). Por segunda vez consecutiva, o CEIP de Ardán participa neste certame tan inclusivo e nesta ocasión fíxoo cun vídeo da canción Nada tiene sentido do artista pontevedrés Javier Lago, que dende o pasado venres suma cerca de 8.000 reproducciones entre Instagram y YouTube.

"O noso vídeo está tendo moita repercusión nas redes sociais e estamos recibindo moitas felicitacións por como está editado, pola mensaxe, pola técnica do signado. Estamos moi satisfeitos", conta Eva Graña, profesora de Audición e Linguaxe no CEIP de Ardán.

De feito, foi a chegada de Graña ao centro marinense o pasado ano o que fixo que a comunidade educativa de Ardán se adentrase de cheo na linguaxe de signos. "Uso a lingua de signos como recurso educativo e levo moitos anos vinculada a ela. En todos os coles que estou ensínoo. É unha língua moi significativa e nos últimos anos incrementáronse os certames escolares que a visibilizan", explica a docente, que lembra que o ano pasado o CEIP de Ardán participou neste mesmo concurso coa canción Tribo da Banda da Loba. "Xa ese vídeo unira moito á comunidade educativa. Pero o deste ano superouno", expresa Graña.

E que ademais de ser parte do certamen, o tema Nada tiene sentido converteuse na ferramenta idónea para falar do acoso escolar nas aulas do CEIP de Ardán. "Cando escoitei a canción foi un flechazo e enseguida nos puxemos en contacto con Javi Lago, que o descubrimos porque é familiar dunha nena do cole. Estamos moi contentos de que esto tamén axude a darlle visibilidade a él como cantante e a nos como centro", conta a profesora.

Para Graña, a canción "adáptase perfectamente á temática do certame", xa que considera que na comunidade xorda "sempre hai un illamento comunicativo. Fai que te vaias sentido fora do grupo e esta canción expresaba iso dunha maneira incríble".

De cara a montaxe do vídeo, a canción tivo que ser adaptada á lingua galega, un traballo que realizaron os alumnos de 5º e 6º de Primaria. Posteriormente, o cantante pontevedrés "adaptouna para que fose cantable" e dende o centro realizaron a propia adaptación á lingua de signos. "Javi é un regalazo de persoa. Estivo encantado dende o comezo. Involucrouse con todo e incluso participou no vídeo".

Para que o vídeo se adaptase por completo ás bases do certame "cunha boa técnica", tanto o alumnado, como o profesorado e as familias participaron en tutoriais e obradoiros "para aprender a signar. Foi complicado por tivemos que desmenuzar a canción palabra por palabra, pero o proceso foi enriquecedor. Nós xa gañamos con todo isto e moitos alumnos se sentiron identificados coa canción".

O premio do certame, ademais de material escolar, é a posibilidade de interpretar en directo en Santiago de Compostela a canción ante público da comunidade xorda. "Sería o maior regalo", di Eva Graña, que invita á xente a votar polo vídeo do CEIP de Ardán na páxina da FAXPG. As votacións poderán realizarse ata este xoves ás 12.00 horas.

Comentarios