viernes. 14.05.2021 |
El tiempo
viernes. 14.05.2021
El tiempo

Torres e Villafinez comparten mostra no Museo de Marín

A concelleira Itziar Álvarez presentando os bocetos de Torres. DP
A concelleira Itziar Álvarez presentando os bocetos de Torres. DP
Un dos atractivos é a exposición dalgúns dos bocetos do mestre Torres dos profetas do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago

Os amantes da arte están, unha vez máis, de noraboa. O Museo Manuel Torres volverá a sorprender ao público cunha mostra que, sen ser extensa, ten un enorme valor. Agárdase, neste sentido, que o centro cultural marinense se convirta nun lugar de encontro para un público moi numeroso, tanto aquel máis habitual no que ao goce da arte se refire como o menos acostumado a prodigarse por estes lugares.

Manuel Torres e Lino Martínez Villafinez, dous grandes mestres marinenses (aínda que o segundo tivo o seu foco artístico máis destacado na capital de Galicia), compartirán as salas do Museo que o Concello de Marín inaugurou no ano 1992 en homenaxe ao primeiro despois da donación da meirande parte da súa obra ao pobo marinense.

A preparación da exposición fará que o Museo esté pechado esta fin de semana e que sexa o martes cando se inaugure o conxunto de obras que poderán ser contempladas polos visitantes, tal e como sinalou onte a concelleira Itziar Álvarez, na presentación desta nova cita marinense coa arte.

Un dos atractivos da proposta é a exposición dalgúns dos bocetos do mestre Torres coa temática dos profetas do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela, así como algúns máis con diferentes motivos relixiosos relacionadas coa capital de Galicia.

Manuel Torres deixou un legado moi extenso (ademais do valor artístico que o distingue), entre os que destacan debuxos en bocetos de temáticas variadas e dos que, neste caso, foron seleccionados os citados relacionados co Pórtico da Gloria e con Santiago de Compostela.

VILLAFINEZ. A mostra fai coincidir os bocetos de Torres con un cadro do Pórtico da Gloria, propiedade do Concello de Marín, recientemente restaurado e obra do tamén artista nado en Marín Lino Martínez Villafinez.

O Pórtico da Gloria é un dos grandes emblemas da cultura galega a nivel internacional e un dos tantos agasallaos que o peregrino do Camiño de Santiago pode gozar cando chega á capital autonómica e entra na Catedral. Nisto tamén coincidiron Torres, cos seus bocetos, e Villafinez, para o que foi o foco de recreación pictórica máis importante e que retratou en infinidade de ocasións os volumes, os perfís e as figuras pétreas do Pórtico.

Un deses pórticos, pintado no 1933, é o que agora se exporá ao público e que ven de ser restaurado recentemente pola marinense Eva Fontoira por encargo do Concello de Marín.

Este cadro é da etapa na que o pintor marinense estivo máis activo en canto á producción de obra, ao tempo que demostraba ter desenvolvido unha técnica e un estilo moi recoñecibles. A isto súmase a actualidade que representa a obra por estarse celebrando neste exercicio (que tamén se extenderá ao seguinte) o Ano Santo.

O resultado deste traballo xa fora presentado aos medios de comunicación hai unhas semanas pola concelleira Itziar Álvarez, promotora desta iniciativa de restauración de obras e que tamén impulsou a posta a punto dun dos cadros de Torres.

Tal e como explicou Fontoira na presentación, "o proceso que se levou a cabo consistiu nunha limpeza pormenorizada, porque tiña unha importante capa de suciedade en superficie moi grosa, ao que se sumaba un verniz oxidado pola antigüidade". 

UN GRAN TRABALLO. O cambio é espectacular. "Gañou en luz, en expresividade, en texturas...", asegurou a concelleira. E é que agora é posible apreciar a arquitectura do cadro. En palabras da restauradora Eva Fontoira, "pódense ver os perfís, os distintos volumes, gana en profundidade e pódese apreciar a pincelada do pintor". 

Villafinez, como dicía o seu amigo Laxeiro, pintaba a pedra como ninguén. "Era un gran mestre de pintar o granito e Laxeiro dicía que coa súa técnica conseguía dar unha sensación de pedra húmida, mollada, algo moi típico noso", sinalou.

Ademais da limpeza, levouse a cabo tamén un cambio de bastidor, porque o cadro tiña un fixo, que impedía que a tea acompañase os movementos da obra e producía deformacións no soporte. Púxoselle un móbil de madeira de castaño.

Unha vehemente pasión artística
En 1926, a Deputación de Pontevedra concédelle a Villafinez unha bolsa de 3.000 pesetas "para estudos de pintura en Madrid, porque os seus exercicios de cor presentados demostran excepcionais aptitudes dun verdadeiro temperamento de artista, de ruda aprendizaxe, cuxo instinto pictórico abre fundadas esperanzas que se aprecia nas súas impresións de cor".

Selección
Os xornais de entón subliñan que "ve lograda a única aspiración da súa vida, sentida coa vehemencia cega dun namorado da súa arte, que é dedicarse de maneira total á pintura". Ademais, o comisario da Exposición do Ano Santo de 1926 selecciona cinco dos seus óleos. 

Torres e Villafinez comparten mostra no Museo de Marín
comentarios
ç