O tráfico de graneis agroalimentarios aumenta un 27% no Porto de Marín

A Autoridade Portuaria celebrou o seu primeiro Consello de Administración de forma telemática
2020053013070939432
photo_camera O presidente José Benito Suárez Costa estivo presente en dependencias portuarias. CEDIDA

A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra celebrou o mércores o seu primeiro Consello de Administración de forma telemática. En dependencias portuarias contouse coa presenza do presidente da entidade, José Benito Suárez Costa, e os membros natos da Autoridade Portuaria no Consello: secretario xeral e director.

Entre outros puntos, o presidente do Porto de Marín expuxo aos membros do Consello un informe sobre a situación actual do porto e todas as medidas tomadas pola entidade por mor da crise sanitaria xerada pola covid-19. Suárez Costa informou da marcha dos tráficos ata o mes de abril (que non se paralizaron en ningún momento a pesar da situación), no que se deu un descenso acumulado do 6% con respecto aos catro primeiros meses do exercicio anterior.

A pesar dese descenso, na Autoridade Portuaria marinense rexistráronse importantes crecementos nas principais mercancías de consumo que foron vitais estes meses e que abasteceron os mercados. É o caso do capítulo dos graneis agroalimentarios, que notaron un incremento do 27%, en especial os cereais e fariña que fornecen ás explotacións gandeiras e granxas avícolas de Galicia.

Tamén se viron incrementadas outros importantes grupos de mercancía como a pasta de papel para a fabricación de produtos hixiénicos de primeira necesidade.

"O porto e todas e cada unha das súas empresas hanse consolidado como servizo esencial, clave para garantir que os mercados da contorna estean abastecidos dos produtos básicos para os consumidores", sinalou o presidente da Autoridade Portuaria.

O tráfico acumulado dos catro primeiros meses descendeu un 6% con respecto a 2019

Suárez Costa quixo trasladar novamente a súa agradecemento a todas as empresas portuarias así como aos seus traballadores "polo esforzo que realizaron para manter a actividade, o que permitiu que a cadea loxística de tránsito de mercancías non sufrise paróns e non houbese problemas de subministración aos cidadáns".

O presidente da Autoridade Portuaria expuxo tamén aos conselleiros as actuacións que levou a cabo o Porto de Marín desde o inicio da crise sanitaria pola covid-19. Desta forma garantiuse a seguridade dos traballadores e a continuidade dos servizos coas máximas garantías posibles.

Desde que comezou o estado de alarma, a Autoridade Portuaria de Marín seguiu un estrito protocolo de seguridade e de hixiene para garantir a saúde de todos os traballadores, xa que en ningún momento se paralizou a actividade no Porto de Marín. Entre outras cousas, recomendouse o uso de máscara, EPIs na medida do posible, así como a constante hixienización de mans con xeles hidroalcohólicos.

Tamén detallou as medidas económicas adoptadas para contribuír a apoiar a liquidez das empresas portuarias e dos seus provedores e fomentar a competitividade do porto.

Comentarios