O tripulante cangués do Venturer ingresado por covid-19 sae da Uci

"Está xa en planta, fóra de perigo, pero o pasou moi, moi mal"
photo_camera O Venturer. EP

O tripulante galego do arrastreiro vigués Venturer, que se atopa confinado e fondeado en augas de Salvador de Bahía por un gromo de covid 19, xa saíu da Uci e atópase fóra de perigo.

Así o confirmou este venres Xavier Aboi, responsable de CIG Mar, durante unha rolda de prensa xunto con representantes do BNG para comunicar que levarán a semana que vén ao Parlamento Europeo, ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento de Galicia a súa esixencia de que as administracións se poñan de acordo para redactar canto antes un protocolo anti Covid claro que evite brotes de coronavirus en alta mar.

"Está xa en planta, fóra de perigo, pero o pasou moi, moi mal, houbo un momento en que pensaron que estaba máis aló que acá", engadiu Aboi respecto ao cociñeiro do Venturer, natural de Cangas do Morrazo.

O Venturer, que partiu de Vigo o pasado 14 de xaneiro con 64 tripulantes a bordo para faenar no caldeiro das Malvinas, leva fondeado en augas de Salvador de Bahía desde o pasado 28 de xaneiro, cando se detectou un gromo de covid a bordo.

Tras chegar a augas brasileiras, cinco tripulantes foron ingresados no hospital por mor da gravidade dos seus síntomas, mentres os 59 restantes quedaron a bordo gardando corentena.

O peor parado foi o tripulante de Cangas que os servizos sanitarios brasileiros acaban de enviar a planta e que estivo na Uci 15 días.

De momento, non se sabe cando poderá partir o barco, xa que o pasado mércores detectáronse outros nove casos positivos entre a tripulación tras ser sometida a un novo test PCR, polo que a corentena continúa. 

Comentarios