sábado. 28.11.2020 |
El tiempo
sábado. 28.11.2020
El tiempo

Os usuarios do porto de Aguete retiran os seus barcos por medo aos temporais

Algunhas das embarcacións que aínda se atopan no porto de Aguete. GONZALO GARCÍA
Algunhas das embarcacións que aínda se atopan no porto de Aguete. GONZALO GARCÍA
A ausencia dun espigón máis amplo pola parte norte do peirao provoca que as embarcacións queden "totalmente desprotexidas"

Coa chegada do inverno, os propietarios das embarcacións de recreo amarradas no porto de Aguete —que durante o verán se achegan ás 200— vense na obriga de quitalas polo medo a que acaben esnaquizadas na praia ou no fondo do mar. Aínda que iso podería resultar unha estampa típica dunha borrasca incontrolable, o certo é que é máis que común que durante o inverno o temporal azoute con forza os barcos.

O motivo principal de que isto suceda, e o feito que preocupa especialmente aos propietarios das embarcacións, é que o porto "non está en condicións para ter os barcos alí". "No inverno sentímonos desprotexidos de cara ao mar porque non hai ningunha medida de abrigo. Todos os invernos acaba algún barco na praia", sinalan.

Este problema obriga os usuarios de Aguete a ter que invernar o barco noutros portos como os de Marín, Bueu, Combarro ou incluso en Vilagarcía. "Ao final tes que pagar un amarre noutro lado, o que a moita xente lévaa a pagar dobre se queren manter esa praza durante o inverno e tamén durante o verán cando teñen o barco en Aguete".

A ausencia dun espigón pola parte norte agrava a situación. "Polo sur estamos protexidos pola costa. O lóxico sería que ampliasen o espigón polo norte, porque cando tira forte todo queda totalmente desprotexido", explican desde a Asociación Chirleu, unha das usuarias do peirao de Aguete, que ademais indica que "é o único porto de toda Galicia que está a libre albedrío".

"Intentouse varias veces que ampliasen o espigón e propuxéronse varias formas, pero non hai maneira. É moi complicado. Non hai solución nin a curto nin a medio prazo. Se cadra poderían facer fondeos con cadeas, algo máis estético, como están as bateas, cos barcos aliviados", apuntan.

Os usuarios solicitan que se habilite un pantalán fixo durante todo o ano, xa que o único que instalan só está durante os meses de verán, aínda que son conscientes de que "se o quitan é porque saben que non é seguro, porque para que o fose terían que ampliar o espigón".

Portos de Galicia ía realizar melloras no verán 
O RCM Aguete é outra das entidades que sofre as carencias do peirao. A finais do pasado ano, o club reuniuse con Portos de Galicia para solicitar unha serie de melloras, entre elas a do dique flotante. 

"Dixéronnos que ían mellorar o dique flotante e facer outros pequenos arranxos antes do verán. Non ían facer moito máis porque din que non pode facerse un porto máis abrigado pola basculación da praia", indicou María del Carmen de la Puente, presidenta do RCM Aguete, que pediu tamén que mellorasen a accesibilidade ao pantalán de barqueo que "é algo que usa todo o mundo".

Con motivo da pandemia o proxecto de mellora detívose e a entidade non volveu recibir noticias: "Co que está a pasar todo paralizouse, pero gustaríanos que o retomasen".

Os usuarios do porto de Aguete retiran os seus barcos por medo aos...
comentarios