Vázquez celebra a comercialización das primeiras botellas da IXP Ribeiras do Morrazo

A conselleira do Medio Rural recordou que a vendima do pasado outono foi a primeira colleita amparada por este selo regulador a nivel estatal

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistiu este venres nun acto desenvolvido no Mosteiro de San Juan de Poio á creación da asociación de adegas Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo aos que felicitou pola comercialización das primeiras botellas certificadas baixo este novo selo de calidade. Esta asociación está integrada pola adega Reboraina (Redondela), Areeiros (Vilaboa), Ardán (Marín) e os Mercedarios San Juan de Poio (Poio).

A todas elas, Ángeles Vázquez felicitounas polo seu traballo, que empezou no ano 2013 coa posta en marcha da nova indicación e agora, unha vez aprobado o selo de calidade, por comercializar o viño baixo esta marca.

A titular de Medio Rural recordou que a vendima do pasado outono foi a primeira colleita amparada por este selo regulador a nivel estatal e, polo tanto, estanse xa vendendo as primeiras botellas da IXP Ribeiras do Morrazo. En xaneiro conseguiuse tamén o recoñecemento a nivel europeo, para todos os efectos.

A conselleira sinalou que, unha vez pechado este trámite, é hora de mirar cara ao futuro e apostar pola "profesionalización, promoción do produto e a internacionalización do mesmo". Para abordar este camiño, ofreceu o apoio da Xunta. Neste sentido, Ángeles Vázquez animou aos viticultores a emprender proxectos de mobilidade de terras para loitar contra a fragmentación do territorio e, deste xeito, ser máis competitivos.

SUPERFICIE PRODUTORA DE UVAS. A superficie produtora de uvas para a IXP Ribeiras do Morrazo está entre as 1.000 e 1.500 hectáreas nos concellos de Poio, Marín, Pontevedra, Vilaboa, Moaña, Bueu, Cangas e Redondela. Nesta zona hai 25.414 viticultores que contan con algo máis de 73.000 parcelas de viñedo.

Para a elaboración destes viños a variedade de uva máis representativa é a de albariño, pero tamén son admisibles as variedades brancas caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrontés; mentres que no caso das tintas son brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón.

Comentarios