Unha veciña de Cangas, entre as 157 vítimas do accidente de avión en Etiopía

Trataríase dunha moza de 32 anos cooperante dunha ONG

El avión siniestrado en Etiopía con la imagen de la víctima gallega sobreimpresionada. EFE EP
photo_camera Restos do avión que se estrelou en Etiopía. EFE

Unha veciña de Cangas do Morrazo é unha das 157 vítimas mortais do accidente dun Boeing 737 en Etiopía. O Concello decretou tres días de loito oficial.

Pilar Martínez Docampo, de 32 anos, traballaba como cooperante dunha ONG en Etiopía e viaxaba no avión da compañía Ethiopian Airlines que se estrelou pouco despois de despegar de Adís Abeba con rumbo a Nairobi.

O alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, expresou, en declaracións a Efe, a súa consternación polo falecemento desta moza e trasladou á súa familia o seu apoio e predisposición a colaborar no que poida nos trámites de repatriación do cadáver.

Un ofrecemento que se suma ao da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, segundo confirmou a Efe o alcalde de Cangas, consciente de que "á dor da perda dun ser querido" súmaselle á familia o trámite "farragoso" da repatriación.

Pazos engadiu que "calquera morte dun veciño é sentida", pero neste caso súmase que a vítima era unha persoa nova e solidaria, polo que a corporación local quere expresar especialmente o seu "respecto e recoñecemento" con tres días de loito nos que as bandeiras da casa consistorial ondearán a media asta. 

Trala traxedia, Ethiopian Airlines informou este luns de que suspendeu o uso do Boeing 737 MAX 8. Nun comunicado, a compañía sinalou que, tralo "tráxico accidente", optou por "deixar en terra toda a flota" de Boeing 737 MAX 8 con efecto a partir de onte, día 10 de marzo, "ata novo aviso".