Unha viaxe única por Ons

A arqueóloga e etnógrafa marinense Paula Ballesteros-Arias fai un recorrido persoal pola illa en Ons Soa
A mostra recolle fotografías e sons do patrimonio cultural e natural da illa. DP
photo_camera A mostra recolle fotografías e sons do patrimonio cultural e natural da illa. DP

Unha viaxe dende terra, persoal e única. Así é como está pensada a exposición Ons Soa, comisariada pola arqueóloga e etnógrafa Paula Ballesteros-Arias para o Museo do Pobo Galego de Santiago. As fotografías e os sons son os protagonistas nesta mostra que ten por obxectivo acercar unha das paisaxes e culturas únicas da costa galega aos visitantes, sen pisar a illa.

Coma un "relato con viaxe de ida e volta", así o define a marinense Paula Ballesteros-Arias, que se mergulla nesta exposición no seu material gráfico, tanto de investigación como persoal, para ofrecer unha ollada en primeira persoa á illa que ela coñece.

Ons Soa é parte do froito da súa investigación conxunta no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC entre 2009 e 2013 e do seu material propio elaborado dende os anos 80 ata o 2016, e que funciona coma un relato autoetnográfico cheo de sensacións.

O seu amor pola illa remóntase á súa adolescencia. "A túa primeira acampada é na illa de Ons", relata Paula, que tenta nesta exposición de "construír un relato persoal máis alá de plasmar a riqueza do patrimonio cultural". 

"Contalo dende a miña visión como arqueóloga e etnógrafa, pero tamén como turista e visitante da illa en múltiples ocasións". "Creo que todos os que fomos á illa algunha vez, amarrounos dalgunha maneira". 

Os contrastes da illa e o equilibro "entre o mar e a terra" son parte da súa inspiración detrás da cámara nun conxunto de imaxes que mestura paisaxes naturais con estampas persoais e cotiás das súas xentes e instantáneas máis abstractas.

"A fotografía é a ferramenta de traballo", explica Paula, "coa cámara podemos obter unha imaxe, pero tamén a gravadora é una ferramenta etnográfica que nos permite o rexistro da memoria". 

Con isto en mente, a mostra recolle tamén un conxunto de paisaxes sonoras, con sons facilmente identificables como o do mar ou o das gaivotas, pero tamén efémeros que deixan de existir no momento no que se producen, "como unha noite de festa na illa ou unha conversa", explica a marinense.

UNHA OLLADA PERSOAL. Unha mestura de imaxes e sons que permiten ao visitante mergullarse na illa en primeira persoa e que se agocha tamén detrás do propio nome da exposición, unha Illa de Ons que soa e que representa unha ollada en solitario.

A exposición, que forma parte da décimo sexta Mostra Internacional de Cinema Etnográfico que dará comezo o próximo 6 de abril, pode visitarse xa ata o 30 de maio no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela e inclúe fotografías coñecidas da illa xunto con experiencias persoais vividas pola súa autora.

Entre elas unha instantánea que captura a paisaxe do mar dende unha xanela, un momento que ten que ver "cunha melancolía froito de quen espera", explica Paula.

"Me transmite esa sensibilidade das mulleres que esperan polos mariñeiros" que se suma ao sentimento de vivir illado.

COMEZO. Atopar na praia de Canexol uns restos arqueolóxicos dunha posible manufactura de salgadura de peixe da época romana foi o punto de inicio no ano 2009 da súa investigación na illa. Así naceu un proxecto xunto ao CSIC e o Parque Natural das Illas Atlánticas, para documentar o patrimonio cultural de Ons.

"Pese a riqueza que eu estaba vendo da illa e da súa singularidade e evidencias materiais e inmateriais arqueolóxicas dunha aldea con moita tradición, non había un inventario". Partindo desa base comezouse un traballo interdisciplinar con metodoloxía etnográfica, no que tamén se rexistrou o patrimonio inmaterial e cultural da illa: as súa xente e os seus costumes.

No 2006 visitou a illa ao carón da súa irmá, médica do Centro de Saúde de Bueu, que tiña en Ons a moitos dos seus pacientes. "Ese feito abriume moitas portas", que os isleños a coñeceran e fora unha persoa querida, así como ser convidada as súas casas, "deume esa oportunidade de visitar a illa dunha forma particular, máis próxima, e acercarme aos isleños e isleñas dunha maneira máis persoal, non como investigadora que vai alí a facer un traballo de campo, senón que me abriron os seus espazos máis íntimos e tiven acceso a coñecer os relatos máis persoais , que non son fáciles de conseguir". 

Froito desa investigación que daría comezo tres anos despois, creouse o libro electrónico e gratuíto Ons, unha illa habitada, onde se recolle de forma interactiva todo o rexistro e material obtido nesta procura, así como un apartado histórico da liña temporal da illa. Entre esta documentación agóchanse os motivos da súa despoboación nos anos 70, debida en parte ao cambio da economía e o paso da dorna ao barco de motor, que precisaba dunhas instalacións portuarias que nunca chegaron a Ons e que provocaron o exilio de moita da súa xente do mar.

Comentarios