Unha vida dedicada á Escola

Tras 41 anos traballando na Escuala Naval Militar, a marinense Teresa Iglesias xubílase e di adeus a unha longa traxectoria que comezou en 1979 ralizando labores na enfermería e acabou o pasado luns como secretaria de dircección do centro castrense
Teresa Iglesias en la Alameda de Marín y con la Escuela Naval Militar de fondo, en la que pasó 41 años de su vida. APP
photo_camera Teresa Iglesias na Alameda de Marín e coa Escola Naval Militar de fondo, na que pasou 41 anos da súa vida. APP

CATRO SON as décadas que pasou a marinense Teresa Iglesias traballando na Escola Naval Militar de Marín. Ademais de anos de experiencia laboral, foron anos e etapas cheas de grandes momentos para ela. Teresa, agora, tras 41 anos traballando no centro castrense, xubílase e di adeus a unha longa traxectoria en grao sumo variada.

Iglesias comezou o seu camiño na Escola Naval Militar no ano 1979, cando se presentou a un exame que daba a posibilidade de acceder á praza "mozo de clínica" -agora auxiliar- para traballar na enfermería da Escola.

Aínda así, o centro castrense para ela xa era un lugar coñecido entre a súa familia. Os seus avós chegaron a Marín coa Escola en 1943, cando se trasladou desde San Fernando e, posteriormente, o seu pai e un irmán seu formaron parte da Armada, mentres que as súas outras tres irmás tamén traballaban na Escola. Agora, coa súa xubilación, tan só quedan dúas traballando alí.

Con 24 anos, Teresa aprobou e conseguiu o posto na enfermería. "Empecei atendendo a os enfermos que estaban a ingresar, algúns eran militares e outros eran alumnos. Había de todo", relata a marinense, que entrou na Escola Naval de Marín cunha titulación en Administrativo e que no futuro serviríalle para optar a outras prazas dentro do propio centro.

De feito, dez anos despois, cando saíu unha praza na administración da Escola, Teresa Iglesias non o dubido e presentouse ao exame, que tamén aprobou e deulle a oportunidade de exercer no seu. "Primeiro estiven nun ano na oficina da enfermería cubrindo unha baixa e de aí, logo dun tempo xa seguín escalando e cheguei a estar nun posto da subdirección e secretaría de estudo", conta Iglesias.

Non foi ata 2007 cando realmente a marinense chegou ao posto no que agora se xubila, como secretaría de dirección do Comandante Director da Escola. Para Teresa, chegar a ese posto foi toda unha honra, xa que "é un destino que non require de exame e escólleche o propio director. Eu obviamente aceptei e estiven alí desde 2007 ata agora".

Os máis de dez anos que pasou a marinense traballando de xeito conxunto coa dirección do centro castrense encheu os seus recordos de moi "bos momentos, aínda que como en todos lados, tamén pasei por malos. O trato coas compañeiras e cos propios directores era excelente. Sempre procurei levarme ben con todo o mundo".

TRATO EXCELENTE. Na dirección, Teresa coincidiu con José María Núñez Torrente "co que tiven moi bo trato, xa que tamén coincidín con el cando estaba a traballar na subdirección". Tamén co actual Comandante Director, Ignacio Cuartero, gardaba "unha relación excelente". De feito, anecdóticamente, nas diferentes etapas da súa vida dentro da Escola Naval coincidiu con outras xeracións de Cuartero, como co tío do actual director, Francisco Cuartero Núñez, que estivo á fronte da dirección durante o período 1992-1994.

"Con Cuartero Núñez coincidín cando optei á subdirección e agora que me xubilo fágoo co seu sobriño. é un feito bastante anecdótico. Ata o falei con el o luns cando fun a despedirme", relata Iglesias .

A pesar de que os últimos anos foron "moi bos", o traballo que realizou Teresa durante as catro décadas que permaneceu alí "sempre foi moi satisfactorio e nunca tiven ningún problema".

Algunhas das cousas que recorda a secretaria con moito agrado son as "facilidades que che dá a Escola Naval para flexibilizar os teus horarios se tes fillos. Cando formei unha familia e tiven que estar máis pendente dos meus fillos non tiven ningún problema se nalgún momento tiña que saír para levalos ao médico ou ao colexio".

Nos 41 anos de traxectoria na Escola Naval, Teresa non tivo tempo para o aburrimento. "Había moitísimo movemento, tanto cando estaba en subdirección como en secretaría de dirección. Quen se pense que na escola Naval non se traballa está moi equivocado. Sempre hai traballo que facer. Agora coa pandemia baixou un pouco o ritmo, como en todos os lados, pero en xeral sempre hai traballo", sentenza.

Comentarios