A Escola Naval Militar celebra os vinte e cinco anos de lealdade á patria da brigada de 1994

Este venres tivo lugar o acto de conmemoración do XXV aniversario da entrega de reais despachos aos 69 mariños que se 'graduaron' en 1994

As instalacións do centro castrense acolleron este venres un emotivo acto no que os 69 mariños que recibiron os reais despachos no ano 1994 renovaron o seu compromiso coa patria española diante dos seus familiares, amigos e compañeiros. 

O encontro comezou co desfile do batallón de alumnos, que ocuparon o seu posto na chaira. Tras iso, o himno de España alagou o centro castrense, dando paso á entrada do comandante-director da escola, Ignacio Cuartero. 

Despois de que a bandeira ocupase o seu lugar no acto e de que a Salve Mariñeira resoase na institución, os 45 mariños pertencentes á Escala Superior de Oficiais presentes (ese ano graduáronse 66, algúns dos cales non puideron asistir ao acto) e os 24 dos 55 da Escala Media de Oficiais procederon a bicar a bandeira como símbolo de renovación do seu compromiso coa patria española. 

Os familiares, amigos e compañeiros da brigada de 1994 acompañáronlles mostrando do mesmo xeito fidelidade á bandeira española. 

O alférez de navío Ángel Enrique Marco Hernández, o capitán de fragata Javier Morán Rodríguez e o tenente de navío Daniel Álvarez Álvarez-Uría, integrantes da brigada de 1994 falecidos, foron recordados tanto polo capitán de fragata Manuel García Ruiz como polo comandante-director Ignacio Cuartero nas súas respectivas alocucións. Ambos destacaron a valentía e o compromiso destes mariños coa patria.

Comentarios