"Só quedan 200 metros de saída directa ao mar; se o quitan, non haberá nada"

Vecinos de Marín crearán unha plataforma para esixir a conservación do patrimonio ante a creación dunhas piscinas salgadas no peirao

Varios vecinos de Marín, el pasado martes, en el cementerio de embarcaciones para reclamar su conservación. DAVID FREIRE
photo_camera Varios veciños de Marín, o pasado martes, no cemiterio de embarcacións para reclamar a súa conservación. DAVID FREIRE

Desde o anuncio por parte do Concello de Marín da construción dunhas piscinas de auga salgada no antigo peirao, coñecido popularmente por diversos nomes como cemiterio de embarcacións ou a praia da Chupona, foron moitos os veciños os que manifestaron o seu rexeitamento a esta proposta. Por mor diso, hai case un ano, coincidindo cos primeiros pasos do proxecto, púxose en marcha a creación dunha plataforma co obxectivo de "conservar o pouco patrimonio mariñeiro" que queda en Marín.

Esa plataforma, aínda en proceso de constituírse e dando pequenos pasos, quixo realizar a primeira das súas accións de face a visibilizar o seu labor: "salvar a Chupona". Por iso, o pasado martes, un pequeno grupo de veciños e veciñas, entre os que se atopaban algúns exmariñeiros, decidiron reunirse na contorna do peirao para reclamar a conservación do espazo como un lugar de intercambio cultural e social sen deixar ao carón a tradición mariñeira. "Só quedan 200 metros de entrada directa ao mar dende o centro urbano. Se o quitan, non hai nada", protestan.

Por iso, piden que se manteña o seu uso inicial, como espazo destinado á conservación e mantemento de pequenas barcas de uso recreativo, ademais de proxectar de face ao futuro a creación dun museo ao aire libre con embarcacións tradicionais. "Sería unha pena que os nenos non puidesen coñecer de cerca o legado mariñeiro da súa vila sen ter que usar o teléfono móbil", expresaba unha das representantes da futura plataforma, que está aberta á participación cidadá. Ademais, ao longo do último ano, este grupo de veciños fixeron unha recollida de firmas ata alcanzar, a día de hoxe, case un milleiro.

A creación do que agora se coñece como cemiterio de embarcacións remóntase a principios dos anos 30, cando comezaron as obras da Escola Naval Militar, unha actuación que pola súa dimensión obrigou a ocupar o espazo usado polos mariñeiros na Banda do Río. Así, cedeuse o espazo actual. "A cesión deste espazo, que agora nos queren quitar, está reflexado por escrito nun documento", contan desde a plataforma, "o problema e que a persoa que o tiña, un mariñeiro da zona, faleceu".

Fotografía antiga do antigo peirao. DP
Fotografa antiga do antigo peirao. DP

Pola súa banda, desde o Concello de Marín, explican que o cemiterio de barcos é "unha contorna degradada, cunha lámina de auga que non está nas súas mellores condicións e que está sen urbanizar, parecendo unha zona máis do aparcadoiro, cando consideramos que é un enclave que debe ser outra cousa".

Por iso, co proxecto das piscinas salgadas, que agora cualifican de proxecto de remodelación da contorna, buscará "mellorar a lámina de auga e actuar sobre ela para que o baño sexa adecuado", á vez que se urbaniza a contorna para que, xunto coa nova beirarrúa lindeira á Escola Naval Militar, "poidamos unir todo o corazón de Marín, desde Praza de España ata o noso mellor paseo. Ademais, coa súa reconversión ábrese a posibilidade para mellorar o seu uso deportivo".

Comentarios