Abre a inscrición das residencias artísticas no Náutico de San Vicente con 'DepoCrea'

A institución provincial subvencionará estas estancias con bolsas de 2.500 euros
depo_crea_st

A Deputación pon en marcha a primeira edición de DepoCrea, un programa de residencias artísticas vencelladas ao territorio que promoverá durante este outono proxectos específicos vinculados a Pontevedra provincia da man do Náutico de San Vicente. A institución provincial subvencionará estas estancias con bolsas de 2.500 euros que chegarán a seis artistas visuais de calquera disciplina mediante unha convocatoria aberta e pública, cuxo prazo de inscrición comeza este luns a través da sede electrónica ou do rexistro da Deputación.

As persoas que queiran optar a unha destas bolsas deberán presentar proxectos site-specific, entre os que terán preferencia as propostas que se acheguen ao patrimonio da contorna ou avoguen por reivindicar valores como a sustentabilidade, a igualdade ou a inclusión social. Nesta convocatoria poderá participar maiores de idade con independencia da súa procedencia, aínda que se valorará que naceran ou sexan residentes da provincia. As candidaturas serán avaliadas por un xurado de profesionais.

Os fondos que a Deputación dedica a estas bolsas vanse a empregar para a realización dos proxectos, no que atinxe á produción e compra de materiais, e a institución provincial tamén se fará cargo do aloxamento. Nestes sentido, Carmela Silva destacou que "eliximos o Náutico de San Vicente porque é un entorno único que aposta polo sustentable e onde natureza, cultura e cidadanía se mesturan en perfecta simbiose".

As residencias terán lugar entre o 28 de outubro de o 11 de novembro e comprenderán unha primeira etapa de creación en formato de portas abertas ou a visita de profesionais do sector que realizarán unha conferencia e ofrecerán asesoramento. Tamén haberá unha xornada de divulgación e o 11 de novembro os artistas presentarán os resultados conseguidos.

Comentarios