Acuaes licita a redacción do proxecto dunha nova depuradora na Illa de Arousa

Trátase de determinar "as actuacións necesarias para mellorar e ampliar o sistema de depuración actual", segundo o Ministerio para a Transición Ecolóxica

Playa de O Bao, en A Illa de Arousa. DP
photo_camera Praia do Bao, na Illa de Arousa. DP

A sociedade mercantil estatal Augas das Concas de España (Acuaes), do Ministerio para a Transición Ecolóxica, licitou o contrato para a elaboración do Estudo de alternativas, dos estudos ambientais e do proxecto para a construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (Edar) da Illa de Arousa.

Segundo informa o Ministerio para a Transición Ecolóxica nun comunicado, trátase de determinar "as actuacións necesarias para mellorar e ampliar o sistema de depuración actual" da Illa de Arousa, que "presenta importantes deficiencias na capacidade de tratamento, o que ten especial incidencia pola calidade microbiolóxica esixida ás augas do medio receptor, cualificadas como zonas para a cría de moluscos", concreta.

A nova Edar será deseñada para tratar as augas residuais dunha poboación de 15.000 habitantes equivalentes, indican as mesmas fontes, que destacan que a redacción do proxecto conta cun orzamento de máis de 355.300 euros e un prazo de execución de oito meses.

Está previsto que a actuación sexa cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder 2014-2020, dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (Pope).

Comentarios