miércoles. 26.02.2020 |
El tiempo
miércoles. 26.02.2020
El tiempo

Ainhoa Fervenza: "En Sanxenxo falta unha base social e seguimos falando de cemento"

Ainhoa Fervenza. DAVID FREIRE
Ainhoa Fervenza. DAVID FREIRE
A portavoz socialista en Sanxenxo ten moi claro que o Concello sanxenxino será territorio do PSdG-PSOE en 2023. Fervenza critica a un Goberno local que "xa non escoita" e asegura que o seu labor na oposición é o de atender "as demandas dos veciños" para trasladalas ao ente municipal, así como ao Goberno de Sánchez
 

Ainhoa Fervenza chegou recentemente á política, pero xa se instaurou no seu papel de líder da oposición, que exerce ante o Goberno de forma taxativa, pero tamén "construtiva".

¿sente cómoda no papel de principal grupo da oposición? 

A verdade é que si. Gústame reivindicar todas as dificultades que teñen os veciños á hora de tramitar papeis e executar o que necesitan. Gústame ser a súa voz. é algo que asumo con naturalidade e creo que estamos a facer un traballo que todo o mundo empeza a recoñecer. 

O traballo a nivel veciñal é a base da que sempre partiron... 

Desde un principio fixemos a proposta de seguir traballando con todas as asociacións e sempre animamos a que vingan aquí para coñecernos e coñecer as nosas instalacións. Este é un sitio aberto ao que quen queira pode vir sen problema. Actualmente estamos a facer ao contrario, chamamos ás asociacións para poder reunirnos con elas, coñecernos, indagar nos seus problemas e poder seguir sendo a ferramenta útil que debemos ser. 

¿O Goberno local está a implicarse todo o que debería? 

Os concelleiros fan e executan o que di Telmo, que é quen ten o papel dominante. Asumen que ese é o seu rol. Son dez concelleiros e o labor que están a desenvolver quizais non é comparable ao volume de accións que deberían ter. 

"Máis que obras, o que necesitamos é integración social. Hai unha falta real dun proxecto para os colectivos"

O PSdG-PSOE sempre estivo moi activo tanto en prensa como no Concello. ¿Bota en falta unha maior incisión por parte do resto de grupos da oposición? 

Non adoito xulgar o traballo que fai o resto da oposición. Os veciños e veciñas terano en consideración á hora de valorar o traballo das persoas que votaron. Eu creo que viñemos aquí para ser unha oposición construtiva e en 2023 ser a forza que goberne este Concello. E para iso estamos a loitar e estámonos facendo fortes. Desde un principio os veciños déronnos un hálito votándonos e facéndonos ser os referentes da oposición. Éramos un grupo que nunca traballara no Concello nin en política e aínda así consideraron que eramos a forza que deberiamos estar a facer oposición. E niso estamos, somos unha agrupación aberta e encantaríame que todos os veciños e veciñas que queiran participar en política e que crean que en Sanxenxo pode haber un Goberno máis progresista que vingan a colaborar. 

¿Que actuacións considera que xa deberían estar terminadas en Sanxenxo? 

A nivel ambiental, a contorna da Carabuxeira tería que estar xa feito hai moitos anos. Logo, máis que obras, o que necesitamos aquí é integración social. Hai unha falta real dun proxecto para os colectivos. As asociacións necesitan instalacións adecuadas, os clubs de xubilados seguen estando alugados, en Vilalonga non temos unha casa da cultura adecuada, que xa debería estar feita e faltan proxectos para os comerciantes. O Goberno dicía que un dos alicerces que tiña era crear emprego. Pois para crear emprego non hai que destruír o que temos. Coas obras da rúa Progreso están a verse afectados e outro tanto do mesmo coa multisectorial. Parece que non se ten en conta como pode afectar isto a todos os demais comercios en Portonovo. Non se fixo unha reforma das terrazas adecuadas, e os mercados municipais están totalmente descoidados. Xa non é o momento de vendernos máis portos nin prazas, agora debemos coidar o que temos. 

"A gran queixa de todo o Concell0 é que temos un alcalde que nos escoita e tócanos ser a voz de todos os veciños"

¿Cre que as políticas se enfocan cara ao visitante? 

Precisamente, o outro día unha señora na rúa dicíame que todo o que se fai aquí está enfocado para o de fóra. ¿Como imos facer que Sanxenxo creza ata os 20.000 veciños e veciñas se non lles damos colexios decentes, asociacionismo e cultura? Falta a base e seguimos falando de cemento. A gran queixa de todo o Concello é que temos un alcalde que non nos escoita e tócanos ser a voz dos veciños ante un alcalde que está xordo, e trasladar ao noso presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e espero que ao noso futuro presidente da Comunidade Autónoma, Gonzalo Caballero, todas as demandas que podamos ter. 

Nese sentido, ¿que esperanza ve para o PSOE nas eleccións autonómicas? 

Vai haber un envorco necesario logo de tantos anos de goberno do PP, que nos está deixando á cola en moitas materias. En Sanxenxo existe unha maioría progresista que se visibilizó claramente nas nacionais e consideramos que se vai a volver conseguir esa maioría de votos para Gonzalo Caballero e por suposto para a agrupación local en 2023.

Ainhoa Fervenza: "En Sanxenxo falta unha base social e seguimos...
Comentarios