O alcalde de Vilagarcía asume a presidencia da Fegamp reivindicando máis autonomía local

O socialista Alberto Varela, que substitúe a Alfredo García, chama a buscar unha maior autosuficiencia financeira e unha repartición de axudas aos concellos "ecuánime"
Alberto Varela y Alfredo García, este viernes en la asamblea de la Fegamp. EFE
photo_camera Alberto Varela e Alfredo García, este venres na asemblea da Fegamp. EFE

O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, é desde este venres o novo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O rexedor socialista aproveitou o seu discurso tras ser designado á fronte do organismo para reivindicar máis autonomía para os concellos e unha maior autosuficiencia financeira.

Na clausura da X Asemblea Xeral da Fegamp, celebrada baixo a lema O valor do poder local, o alcalde destacou que os concellos son "a cara visible do sistema público", en alusión á proximidade e ao contacto directo das institucións locais cos veciños. Revindicou tamén unha concesión de axudas aos municipios "ecuánime e transparente, goberne quen goberne".

Tamén o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, falou na súa intervención do financiamento como un asunto "prioritario" na nova etapa que inaugura a Fegamp e no municipalismo galego, "cooperador, dialogante e construtivo", dixo. Asegurou o popular que a Xunta "se esforza por practicar un autonomismo cooperador", reflectido no Fondo de Cooperación Local, dotado de ao redor de 135 millóns de euros.

Pola súa banda, o presidente saínte da Fegamp, Alfredo García, despediu o seu mandato destacando o consenso e a unanimidade entre os grupos políticos como chave da súa etapa á fronte do organismo. Entre os fitos alcanzados nesta etapa, destacou os logros económicos, como a devolución do céntimo sanitario, a renovación do convenio dos grupos supramunicipais de urxencias (GES) ou o convenio de xestión da biomasa nas faxas secundarias.

Comentarios