O alcalde de Vilanova chama "presunta delincuente" á presidenta da Deputación

O Concello presentará unha demanda contra Silva e "os seus cómplices" pola "paralización" de obras en varias estradas

Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova
photo_camera Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa. ARQUIVO

O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, acusado de facer comentarios machistas da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, volveu referirse a ela este luns para cualificala de "presunta delincuente" pola súa actuación no que toca ás obras de varias estradas.

Durán atópase baixo investigación xudicial por afirmar —en outubro de 2018— que Silva era unha "chacha para todo" do alcalde de Vigo, o que levou a varios representantes políticos, tamén do seu partido político, o PP, a reprobar a súa actitude. Agora volve sinalar a Silva para acusala de formar parte dunha "trama grave" relacionada coa "paralización" das obras de sete estradas provinciais acordadas durante o mandato do anterior presidente da Deputación, o popular Rafael Louzán.

Durán anunciou este luns que o Concello de Vilanova de Arousa presentará unha demanda pola vía penal contra Silva e os seus "cómplices" pola paralización das obras decidida pola Deputación, ao considerar tales medidas "ilegais".

A administración local xa denunciara á Deputación por parar as obras da estrada de András-Baión, por valor de 1,8 millóns de euros, e recibiu recentemente o fallo dun xulgado que tomba o recurso municipal. Con todo, asegura que a resolución recoñece que hai "serísimas dúbidas acerca de que en realidade o sucedido debeuse, máis que á legalidade, a unha falta de vontade política" da Deputación.

A nova demanda recibiu o apoio do PP, cuxo portavoz provincial, Jorge Cubela, reuniuse este luns con Durán para apoiar a iniciativa e anunciou que solicitará instituir unha comisión para examinar a paralización de obras.

Comentarios