sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

Alcaldes do Salnés chaman aos veciños a non "relaxarse" con 179 casos na comarca

Carteis en Vilagarcía. GONZALO GARCÍA (ARQUIVO)
Carteis en Vilagarcía. GONZALO GARCÍA (ARQUIVO)
Agradecen a Sanidade que se comparta información cos concellos como reivindicaban 

Alcaldes da comarca do Salnés piden aos cidadáns que "non se relaxen" coas medidas de protección para frear os contaxios de covid-19 tras detectarse 179 positivos entre os seus nove municipios e 276 contactos estreitos. 

Os rexedores manifestáronse así —en declaracións a Europa Press— tras a reunión mantida este xoves con representantes da Consellería de Sanidade e da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, na que lles trasladaron os datos de contaxios de cada municipio. 

Con esas cifras, o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, destaca que o seu concello rexistrou "un pequeno descenso" de casos, baixada que ve "normal", con 63 casos activos e 90 persoas en vixilancia por ser contactos estreitos. 

"Pedíronnos que se cumpran as medidas; que pidamos a non relaxación á cidadanía", explicou o rexedor, quen recordou que "hai moita mobilidade entre concellos" nesta comarca. 

En catro dos municipios da comarca aplícanse restricións

Ademais, neste encontro telemático Sanidade informoulles de que os tres municipios con máis casos do brote relacionado coa empresa avícola Avigal —cunha factoría situada en Cambados e outra en Campañó— son Pontevedra, Vilagarcía e Vilanova. No entanto, inciden en que a maioría dos casos de Covid están, sobre todo, relacionados con reunións familiares e o "tempo de lecer en bares"

Pola súa banda, a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, explicou que os rexedores da comarca pediron "información diaria" da situación de casos, que Sanidade comprometeuse a facilitarlles a través do xerente da área sanitaria. "Ofrecéuselle colaboración por parte do Concello", destacou Giráldez, tras indicar que no seu municipio hai 17 positivos e 37 contactos directos

Mentres, o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, cualificou de reunión "perfecta" o encontro, porque lles facilitaron datos por municipios como pedían. Así, indicou que no seu actualmente hai unha vintena de positivos, "a maioría" relacionados con Avigal e "outros de xente nova", "leves". 

O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, manifestou, pola súa banda, que "debería ser antes a transmisión de información" aos concellos da comarca relativa ao coronavirus. Con todo, recordou que no seu municipio non hai restricións a día de hoxe e apuntou á "confianza" como o "problema" de parte dos contaxios porque leva a relaxar "un pouco as medidas". 

Por iso, chamou aos cidadáns a manter o uso de máscara e da distancia social, e a extremar a hixiene de mans.

Restricións, recursos e información
Dos nove municipios da comarca do Salnés —cun total duns 111.760 habitantes—, catro teñen restricións, fundamentalmente de redución de aforamentos: como son Vilagarcía (con 63 casos de covid), Vilanova de Arousa (20), Meis (17 positivos) e Sanxenxo (33). 

Alberto Varela destacou que na reunión deste xoves non pediron medios e recursos para axudar no cumprimento das medidas fronte á pandemia porque "non era obxecto" deste encontro. Con todo, recordou que necesitan "fondos extraordinarios" e así o trasladarán en futuros encontros. 

O rexedor subliñou que "primeiro" están "a pedir información", polo que "agradecen que se comparta cos concellos". 

Alcaldes do Salnés chaman aos veciños a non "relaxarse" con 179...
comentarios