Dous anos de cárcere para o vilanovés acusado de montar un laboratorio de heroína

As penas, por un delito contra a saúde pública e tenza ilícita de armas, chegan tras un acordo de conformidade 
Audiencia Provincial de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Audiencia Provincial de Pontevedra. DAVID FREIRE

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra resolveu este martes mediante un acordo de conformidade un xuízo por un delito contra a saúde pública. En virtude do pacto alcanzado, foi condenado un dos dous acusados a unha pena dun ano e seis meses de prisión por un delito contra a saúde pública, e a outros seis meses por tenza ilícita de armas. 

Inicialmente estaban acusados dous homes, veciños de Vilanova de Arousa, como sospeitosos de traficar con droga. A Fiscalía sostiña que se dedicaban á elaboración, provisión e distribución ilegal de sustancias estupefacientes. Naquela operación, levada a cabo en marzo de 2014, a Policía Nacional desmantelou un laboratorio para a elaboración e fabricación de heroína

Nun principio, a Fiscalía pedía oito anos e tres meses de prisión para este acusado e sete anos de cárcere para o outro. Con todo, este martes Celso M.G. recoñeceu con carácter previo á celebración do xuízo oral que o outro procesado era alleo aos útiles e sustancias atopadas pola Policía, así como á actividade relatada polo ministerio público no seu escrito de acusación, asegurando el que era o exclusivo responsable. 

A Fiscalía tivo en conta a concorrencia de dilacións indebidas na tramitación desta causa con varias "paralizacións inxustificadas" desde que fora incoado o caso o 4 de setembro de 2015 polo xulgado de instrución número 1 de Vilagarcía. 

Polo tanto, incluíndo a atenuante de confesión e estas dilacións indebidas, o tribunal condenou a Celso M.G. a esas penas que suman dous anos.

A defensa solicitou a suspensión da execución da pena, ao que non se opuxo a fiscal, condicionada a que non volva cometer ningún delito no prazo de dous anos. O outro procesado foi absolto. A sentenza é firme e contra ela non cabe interpoñer recurso de casación.