jueves. 09.07.2020 |
El tiempo
jueves. 09.07.2020
El tiempo

A area do fondo mariño é apta para rexenerar A Carabuxeira

Praia de Carabuxeira. DAVID FREIRE
Praia de Carabuxeira. DAVID FREIRE
O Goberno local aposta por instalar un geotubo baixa a auga para a súa futura conservación

A area achada no fondo mariño na contorna dos areais de A Carabuxeira e Lavapanos foi declarada apta para a rexeneración das praias, tal e como consta nos informes completos do estudo que se levou a cabo hai varias semanas, e cuxos resultados o Goberno local esperaba coñecer para poder seguir adiante coa idea recuperar as praias con esta area.

O grupo de traballo para a recuperación dos areais, formado polo Concello de Sanxenxo, Costas do Estado e a Xunta de Galicia, reuniuse este venres para valorar os seguintes pasos. O Goberno local aposta por depositar a area situada no fondo mariño nas praias e instalar un geotubo baixa a auga, coa intención de garantir a futura conservación dos areais e a fixación do árido. Trátase dunha barreira mergullada a base de sacos de area que evitaría a súa perda.

Para a execución destes traballos o Concello necesita a autorización de Costas do Estado, polo que, segundo indica, "o ideal sería declarar a obra de urxencia para que se puidese facer a achega antes do verán ou, na súa falta, facer unha tramitación ambiental que, en calquera caso, tratará de axilizarse na medida do posible". O Goberno sinalou a urxencia de levar a cabo a acción, xa que "tivo que asumir algunha indemnización pola afección aos muros das vivendas, pois a degradación da praia arrástrase desde 2008" polo que, asegura, "velarase por unha tramitación breve".

O grupo de traballo terá que valorar outras dúas opcións. Unha delas, e a máis sinxela, consiste en achegar area á praia sen a instalación de ningunha medida que evite a súa posible perda. Esta opción, que sería a máis rápida, suporía "o risco importante de que se perdese o depositado no próximo outono e inverno", segundo explica o Goberno local.

A outra opción alternativa suporía a non declaración de urxencia da obra, nese caso a autorización para instalar o geotubo tería que prolongarse ata finais deste ano, polo que os areais non estarían listos para afrontar a tempada de verán de 2020.

SEN DATA. O comezo dos traballos depende agora da decisión das administracións, que ditaminarán cal é a opción apropiada para a recuperación das praias. En calquera caso, o proceso segue adiante á espera dunha resposta por parte de Costas do Estado sobre as alternativas para levar a cabo os traballos. Pola súa banda, o Goberno local avoga pola opción de instalar o geotubo e acometer a obra con urxencia como "ideal", xa que "permitiría resolver o problema para este verán" e achegaría "unha solución estable". Ademais, segundo o Concello, "supón a aposta por un modelo de barreira innovador e respectuoso co medio mariño". De todos os xeitos, chama a respectar "a decisión das administracións competentes".

A area do fondo mariño é apta para rexenerar A Carabuxeira
comentarios