Arousa, moito máis que praia

▶A Illa de Arousa ofrece moitas máis posibilidades que tumbarse na area a tomar o sol ou bañarse nas súas augas, dende practicar senderismo a comer o seu famoso marisco. Só se precisa tempo para facelas todas
 
Vista da ría de Arousa desde A Illa. RAFA FARIÑA
photo_camera Vista da ría de Arousa desde A Illa. RAFA FARIÑA

Visitar a Illa de Arousa é quedarse só na praia é desaproveitar a viaxe, xa que A Illa é un sitio magnífico para practicar senderismo, estar no medio da natureza, pasear polo varadoiro marítimo, ir de tapas ou cear nun restaurante.

Se o obxectivo é pasear pola natureza, facer senderismo ou saír en bici, o mellor é empezar polo Parque Natural do Carreirón, situado no sur da illa. Carreirón é unha zona natural protexida, con acceso restrinxido a vehículos de motor. Dende o seu acceso vallado, que se establece tras cruzar un pequeno itsmo, encóntrase a praia de Xastelas. Unha vez dentro pódese rodear o parque pasando por máis de dez calas, dende onde hai vistas dos municipios de arredores, Cambados ou O Grove polo sur, e Ribeira e A Pobra polo norte. Tamén existe a posibilidade de cruzalo polo interior, a través dos sendeiros sinalados que se sitúan baixo os pés dos pinares. No final do parque sitúase o observatorio de aves, dende onde se avistan ánades, garzas ou currucas. Non moi lonxe de Carreirón, atópase Punta Quilma, tras cruzar a través dunhas grandes pedras hai un pequeno ascenso ata dous picos, punto dende o que hai unha espectacular paisaxe cara o Atlántico. 

VISTAS. Outra opción é pasear polo monte que hai ao norte da Arousa, despois de percorrer o fermoso Paseo Marítimo do Xufre. Tras cruzar os camiños de Testos, encóntrase O Con do Forno. No alto deste pico hai un mirador onde se atopa a escultura do Santo, a cuxo carón pódense contemplar espectaculares vistas do interior da Ría de Arousa. Ao pé do Con do Forno, dende a rúa, pódese acceder á praia de Area da Secada, na punta norte da illa, por un camiño a pé cara o norte ou, en coche, rodeando a illa pasando polo campo de fútbol do Céltiga e polo instituto IGAFA. Unha vez neste areal, á dereita, sitúase o faro, dende onde se contemplan outras espléndidas vistas cara o norte da ría. 

DE TAPAS. Se buscas comer produto local, ben sexa marisco, polbo, calamar ou chopo, hai diferentes restaurantes ou taperías que están preto do Porto do Xufre, ou ben aquelas que se ubican na Praza do Campo, ao lado do Muelle de Pau. En dirección á Praza do Regueiro, tamén se pode degustar polbo ou ameixa e algúns bares e restaurantes tamén ofrecen callos, arroces, fideuá ou mesmo un bocadillo para paladares menos orixinais. 

PRAIAS. Como non, non se pode falar da Illa de Arousa sen mencionar as súas praias. Nos últimos metros da ponte, á esquerda, localízase a praia do Bao, habitualmente chea, sendo este o primeiro punto de partida da maioría dos visitantes da Arousa. Esta é unha praia que actualmente dispón de catro chiringuitos. 

Bordeando a illa en dirección sur están as praias de Camaxe, A Lavanqueira, Conserrado e Salinas. Ao longo desta ruta de areais, establécense un par de chiringuitos moi completos e dous campings. Esta vía ten o seu punto final no Parque Natural do Carreirón, no que se atopan máis de dez fermosas calas. En dirección norte a vía cruza coas praias de Riasón, O Cabodeiro e O Aguiuncho. Esta última desemboca no Porto Marítimo.

Finalmente, na punta norte da illa, está a praia de Area da Secada, famosa pola súa auga fría pero tamén polos seu magnífico areal. Para os que buscan calor o mellor é achegarse á praia de Sualaxe, unha pequena e enterrada cala que está preto do faro, enriba da cal hai un gran chiringuito ao lado do faro. 

Illa de Arousa

Chegados a este punto, onde se mesturan o mar e a area, é obrigatorio mencionar o illote de Xidoiro Areoso, unha fermosa e pequena illa de auga cristalina, zona protexida á que hai que chegar en piragua ou nunha pequena embarcación sen motor. Este enclave é famoso pola súa beleza, pero tamén polo recente descubrimento de dólmenes megalíticos que se encontraban baixo as dunas.

Comentarios