O ascenso do BNG en Sanxenxo non debilita o liderado do PP

Os populares mantiveron o apoio de máis do 50% do electorado do municipio
Jornada de votación en Sanxenxo. DAVID FREIRE
photo_camera Xornada de votación en Sanxenxo. DAVID FREIRE

O Partido Popular afiánzase novamente en Sanxenxo, aínda que nestas eleccións o seu ascenso viuse freado. Este domingo os populares, que manteñen o liderado na vila turística, perden 332 apoios, a pesar de que nos comicios de hai catro anos os votos á candidatura de Alberto Núñez Feijoo superaran con fartura os do 2012, chegando ata os 4.571. Este ano o Partido Popular superou por pouco a franxa dos 4.000 votos, cun total de 4.239. A pesar diso, máis da metade dos sanxenxinos apoiaron aos populares, que obtiveron un 53,19% dos votos.

Resultados 12J Sanxenxo

A outra gran novidade deste ano veu da man do Bloque Nacionalista Galego, que logrou remontar o fracaso de hai catro anos en Sanxenxo, e con fartura. O partido liderado por Ana Pontón obtivo no municipio un total de 1.768 votos, un rechamante ascenso que contrasta cos 766 que obtivo en 2016, o que supuxera unha enorme caída con respecto ao 2012, no que logrou os 1.026 votos. Os apoios ao BNG en Sanxenxo tradúcense nun 22,18% do total, o que supón un ascenso de 1.002 votos.

O PSOE mantívose con respecto aos anteriores comicios, nos que xa experimentara unha caída de máis de 131 votos, e conseguiu alcanzar os 1.324 nestas autonómicas, cun crecemento de 131 votos. Así, sitúase como terceira forza política en Sanxenxo, quedando na cola candidaturas como Galicia en Común (245 votos) ou Marea Galeguista (8 votos), que deixan a irrupción de En Marea nos anteriores comicios como unha anécdota.

Por outra banda, Vox levou parte dos restantes votos da dereita (181) , mentres que outros partidos minoritarios como Cidadáns se deron á baixa, con 79.

PARTICIPACIÓN. Os índices de participación mantivéronse en Sanxenxo con respecto ás dúas anteriores eleccións, cun lixeiro descenso ata o 56,12% ao peche desta edición. Subiu máis de tres puntos a abstención, que rexistrou un 43,88% este ano, fronte ao 39,88% de hai catro anos.

O Grove

O BNG consegue destronar aos ‘populares' nunha batalla moi rifada
 A vitoria disputouse entre Partido Popular e BNG practicamente ata o final do escrutinio, nunha balanza que finalmente se acabou inclinando en favor do BNG, aínda que de forma simbólica, por tan só dous votos.

E é que o BNG alcanzou o primeiro posto con 1.670 votos, 1.141 máis que en 2016, mentres que o PP obtivo 1.668, cun descenso de 250. En terceiro lugar quedou o PSOE, que obtivo 1.100 votos, e que contou co respaldo do 21,64% do electorado, reforzando a súa posición.

Meaño

O PP volve arrasar con máis do 60 por cento dos sufraxios  
No corazón do Salnés e ás portas de Sanxenxo, pouco tiveron que facer, unha vez máis, as forzas progresistas. O Partido Popular obtivo unha vitoria incontestable con máis dun 60 por cento dos votos, case 1.600, máis do triplo que o seu máis inmediato perseguidor, que nesta ocasión foi un crecido Bloque Nacionalista Galego. O PSDEG, aínda mellorando resultados respecto de 2016, sufriu o sorpaso pola súa esquerda. Podemos e Vox non lograron un respaldo significativo no concello.

A Illa de Arousa

O PSDEG salva os mobles por só nove votos fronte ao PP 
906 votos foi a escasa cifra, en comparación con anteriores comicios, obtida polo PSDEG nas eleccións autonómicas de onte. A xornada serviu para que os socialistas lle visen as orellas ao lobo por partida dobre, pois ademais do achegamento claro dos populares, tamén se viron presionados pola esquerda, onde irrompeu con forza o BNG de Pontón con case 800 sufraxios. Podemos superou os 100 votos e o resto de forzas apenas obtiveron apoios.

Vilagarcía

O BNG faise co voto progresista á vez que o PP gaña, pero cedendo centos de apoios
En Vilagarcía de Arousa, o motor económico da comarca do Salnés, o apoio a Alberto Núñez Feijóo volveu ser maioritario, aínda que o Partido Popular perdeu máis de medio milleiro de sufraxios en relación cos que obtivo nos comicios autonómicos de 2016. A pesar desa caída no número de votos, os ‘populares' conseguiron manter a súa porcentaxe no 43 por cento.

Por detrás do PP e tendo en conta que o reconto quedou no 98,15 % ao peche desta edición, apareceu con forza o Bloque Nacionalista Galego, que creceu en máis dun 16 por cento, o que, en votos, tradúcese nun aumento de máis de 2.500 para rozar a barreira dos 4.000. O PSDEG mantivo os seus apoios de 2016, o que lle deixou como terceira forza. A coalición Galicia en Común non alcanzou o milleiro de sufraxios en Vilagarcía.
Evoución de candidaturas en Vilagarcía de Arousa. XUNTA
Evolución das candidaturas en Vilagarcía de Arousa. XUNTA

Ribadumia

O Bloque achégase ao PSOE nun feudo clásico dos ‘populares' 
Ribadumia, a terra do histórico expresidente da Deputación Rafael Louzán, volveu ser un valor seguro para as hostes de Alberto Núñez Feijóo. Seguindo a onda de bos resultados obtidos no resto de municipios da comarca do Salnés, os ‘populares' alcanzaron os 1.416 votos, 88 máis que hai catro anos.En canto ao resto de forzas, o PSDEG resistiu a duras penas o ascenso do Bloque. Do mesmo xeito que no resto de Galicia, o desmembramiento dos partidos rupturistas xogou a favor dos nacionalistas, que obtiveron unha subida dun 11 por cento nun municipio de clara tendencia conservadora.

Comentarios