Atrapada pola dor dunha hernia discal: "Hai días que durmo na bañeira"

Unha paciente de Sanxenxo lanza un SOS ao Sergas para poder ser operada despois de que anulasen a súa consulta en Trauma en Nadal
undefined
photo_camera A moza mostra todas as reclamacións presentadas. CEDIDA

Atrapada pola dor dunha hernia discal aos 25 anos, sen poder facer vida normal e dependendo de medicacións como o fentanilo ou a morfina para soportar o padecemento. É a situación dunha paciente do Servizo Galego de Saúde, C. E. M., que quixo lanzar unha chamada de desesperación fixando o foco sobre a súa situación persoal e a dos enfermos coma ela, tras comprobar que, entre os tempos de espera para as unidades de Traumatoloxía e da Dor e a crise sanitaria, suma case un semestre de baixa sen que se poña data aproximada á súa operación. Tras ser atendida por primeira vez en outubro, a muller ten este luns a súa primeira cita presencial na Unidade da Dor. E iso, a pesar das súas múltiples consultas por urxencia e reclamacións.

A moza explica que a súa baixa polo que parecía unha ciática que tería solución sinxela iniciouse o 24 de agosto de 2020, pero que, ante "a falta de resposta" e o padecemento que lle estaba causando, "pagueime as probas no Hospital Quirón e aí descubrín que teño unha extrusión discal. Desde esa data non me deron cita ata o 29 de outubro na unidade de Traumatología do CHOP. Alí dixéronme que entraba en lista de espera preferente para operarme. Pero a pesar de que son preferente, non teño resposta. O día 24 tiña unha cita co traumatólogo, que se adiantou polas moitas consultas de Urxencias que levo, pero se suspendeu esa mesma mañá: chamaron e dixéronme que era por vacacións dos médicos. Agora, ata o 18 febreiro non poderá atenderme a persoa que me vai a operar, nin ouvir o que teño que dicir de que non soporto a dor. Pasarán os tres meses da lista de espera e parece que seguirei así", lamenta.

A moza leva case un semestre de baixa sen que se poña data aproximada á súa operación

Acuciada polo sufrimento físico que lle provoca a extrusión, a paciente acode a urxencias cada vez que non o soporta. Alí adminístranlle "soro mórfico", que a seda "e déixame máis que durmida un día ou dous". Pero esta solución non é suficiente, como non o foron "as sete ou oito pastillas ao día que estiven a tomar antes", ou os parches de morfina que se ten que colocar na actualidade, nin a alta dose de pregrabalina que se está administrando a diario. A sanxenxina, consciente de que "se cadra hai máis xente coma min, ou peor", reclama que a Sanidade Pública "ademais de mirar o coronavirus, mire a todos os pacientes, porque estamos a sufrir" e expresa a súa frustración por non "poder traballar".

"Eu tiña un posto como operaria nunha fábrica de peixe antes da baixa. Nin sequera sei se poderei desempeñalo logo da operación, pero dáme moita rabia ter un traballo e unha vida e ter que estar en casa, cando xa podía estar coa rehabilitación e, talvez, recuperar a miña actividade".

O que peor leva é a convivencia cunha dor que non a deixa "durmir, levantar, pesos, nin facer nada. Ás veces, para poder descansar, incluso durmo na bañeira, pero levántome cada día porque sei que se quedo en cama e cedo, será peor", di.

Comentarios