O BNG reclama a recuperación da conexión ferroviaria de Vilagarcía con Madrid

Os nacionalistas Rego e Prado denuncian os recortes que afectan á comarca do Salnés 
Estación de autobuses de Vilagarcía. GOOGLE MAPS
photo_camera Estación de autobuses de Vilagarcía. GOOGLE MAPS

O BNG solicitará que se debata no Congreso dos Deputados o restablecemento da conexión ferroviaria directa entre Vilagarcía e Madrid así como a recuperación de todas as liñas e frecuencias suprimidas na estación arousá durante a pandemia. 

O deputado nacionalista Néstor Rego e a deputada do BNG no Parlamento de Galicia Montse Prado denunciaron desde Vilagarcía un novo recorte dos servizos ferroviarios na comarca do Salnés coa supresión da parada da capital arousá na nova liña de tren Vigo-Madrid. 

A formación urxe a recuperación desta parada, así como as numerosas liñas e frecuencias que foron suprimidas da estación de Vilagarcía durante a pandemia. 

Néstor Rego explicou que no seu día o BNG rexistrou varias iniciativas no Congreso para que o tren Vigo-Ourense-Madrid realizase tamén unha parada en Vilagarcía. E recordou que a estación arousá presta servizo a case 150.000 persoas, xa que a ela concorren os veciños da comarca do Salnés, Caldas de Reis e incluso O Barbanza. 

Segundo sinalou o deputado nacionalista, a resposta que o Bloque recibiu do Goberno o 12 de xullo deste mesmo ano foi que "esa conexión directa xunto con dúas enlaces máis, a través de Santiago de Compostela, son suficientes para Vilagarcía".

EN CONTRADICCIÓN CO ALCALDE. Rego recordou que apenas uns días antes o alcalde de Vilagarcía anunciara que a intención de Renfe era recuperar ese servizo. "Parécenos contraditorio e entendemos que polo ton xeral da resposta non hai intención de que esa parada se faga", subliñou. 

A argumentación empregada polo Goberno do Estado enfócase en que todas as conexións e paradas que hai "son suficientes" e indican que a media de viaxeiros é baixa, traslada Rego. En contraposición, sinala que este argumento "é unha falacia coa que se pretende xustificar esa desatención nos servizos ferroviarios na comarca do Salnés". 

O deputado nacionalista manifestouse convencido de que a recuperación da parada do tren Vigo-Madrid non leva ningunha dificultade. "Simplemente tería que parar en Vilagarcía e isto permitiría que houbese dúas paradas nunha conexión directa Vilagarcía-Ourense-Madrid e con horarios adecuados", sinalou. 

Así, avanza que a súa organización seguirá traballando para recuperar todas as liñas e frecuencias ferroviarias que se eliminaron en Galicia e, en concreto, debaterase no Congreso unha iniciativa específica para recuperar as liñas suprimidas en Vilagarcía.

UNIVERSITARIOS SEN CONEXIÓN. Pola súa banda, a deputada da formación nacionalista no Parlamento de Galicia Montse Prado criticou o desmantelamento das poucas conexións ferroviarias existentes na comarca tras a supresión das paradas de Caldas, Catoira e Pontecesures. 

"Fóronse eliminando frecuencias e, aínda logo de finalizado o estado de alarma, en Vilagarcía tamén se eliminaron liñas importantes como a que prestaba servizo ás persoas que ían pola mañá á universidade", indicou. 

Monste Prado recalcou que "é imposible que unha comarca, con todo o potencial que ten O Salnés e Vilagarcía como cabeceira de comarca, estea nesta situación, con cada vez menos servizos ferroviarios cando se está nun contexto de loita contra o cambio climático, o cal esixe unha maior aposta polo servizo ferroviario público". 

Comentarios