As cábalas dos sabios da vila

CADA CATRO ANOS ▶ O bar OToño de Sanxenxo realizou, unha campaña electoral máis, un prognóstico dos resultados que deixarán hoxe as eleccións municipais do municipio. Dende hai 12 anos, os clientes deste establecemento valoran aos candidatos e fan unha particular ‘porra’

O propietario do establecemento co taboleiro de apostas.
photo_camera O propietario do establecemento co taboleiro de apostas.

OS COMICIOS municipais son para moitos amantes da política os máis emocionantes pola proximidade tanto dos candidatos e candidatas como dos efectos da elección. En Sanxenxo, no que hoxe oito partidos subirán ao cuadrilátero para conseguir a Alcaldía, un bar da rúa Luis Rocafort segue con especial atención estas xornadas previas aos sufraxios.

O propietario do restaurante O Toño, farto de que o único tema de conversa no seu local fose o fútbol pensou, hai 12 anos, en ofrecer unha alternativa durante a campaña electoral. Antonio, máis coñecido como Toño, conta con orgullo que no seu bar só se fai unha porra cada catro anos: na que tanto el como os asiduos intentan adiviñar quen gobernará Sanxenxo e como se repartirán os concelleiros.

"Na campaña de hai catro mandatos ocorréuseme facer isto un día que estaba falando cuns clientes habituais. É só por lecer, non hai cartos no medio", di o creador da iniciativa. "Como o tema político está máis na rúa nestes tempos -que xa case se fala máis dela que do fútbol- a xente involúcrase máis", recoñece.

A aposta é gratuíta. "Xa hai máis de 35 participantes. Tratamos de charlar e mesturar ideas. Para concorrer só é preciso que elixas os 17 concelleiros", engade Toño. "Aquí vén xente de todas as cores e de todos os pensamentos. Esta "porra" é unha maneira de entreterse como se facía nos bares antigos", apunta.

As semanas previas á elección, a clientela de "O Toño" comparte impresións co dono e conforma un resultado dos comicios municipais nun taboleiro chamado "Los sabios del municipio". Nos tres días previos á gran cita, cada un escribe a súa previsión de escanos e introdúceo nunha urna. Esta, será aberta un dos próximos vindeiros venres, «que é cando todo o mundo pode vir xantar».

INFORMADOS. O premio desta particular "porra" aínda é máis especial. Todos os participantes reúnense para celebrar unha cea no local e o agasallo do vencedor é que non paga nada do que consuma xa que é convidado polos demais.

"Aquí cócense moitas cousas. Andamos detrás da noticia. Vir ó bar para informarse das cousas é máis rápido que acudir ás redes sociais", chancea Toño.

Ao dono do bar gústalle falar de política e recoñece que "que sempre prendo eu a muxica para que se comece a falar do panorama actual", confesa.

Desde que comeza a campaña ata que remata os resultados van mudando na cábala do bar. "Prestámoslle atención ás entrevistas que lemos nos xornais e ós debates que se fan tanto na televisión como na radio. O da Cadena Ser desta semana foi moi divertido, por exemplo", pronunciou o hostaleiro que agarda que chegue esta noite para saber se acertou.

Día de reflexión
Cereixas, vodas e aniversarios
Os e as alcaldables da provincia de Pontevedra gozaron da xornada de reflexión previa ao que, probablemente será, un dos días máis importantes do ano para todos. A nacionalista sanxenxina Sandra Fernández Agraso viaxou ata Ourense, pasou o día xunto á súa familia política e ata tivo tempo de recoller cereixas no campo. A súa veciña e candidata de Ciudadanos, Vanessa Rodríguez, decantouse por pasar tempo coas súas amigas aproveitando o aniversario dunha delas preto da praia de Montalvo.

Nunha celebración similar, neste caso no da súa filla que naceu hai 12 anos logo dunhas eleccións municipais, tamén estivo a alcaldable popular de Marín, María Ramallo. Pola súa banda, o socialista marinense Manuel Pazos decidiu sacarlle o son ao móbil e pasar as últimas horas antes da ‘gran batalla’ cos seus seres queridos.

Fútbol feminino
O poiense Ángel Moldes decidiu apoiar ao fútbol sala feminino e acudiu a animar ao Poio Pescamar que se enfrontou, no ‘derbi‘ galego, contra o Ourense. Por contra, a candidata socialista do concello de Poio, Chelo Besada, tivo que pasar a xornada de reflexión exercendo os labores de deputada provincial polo que viaxou ata As Neves.

En Vilaboa, a candidata do BNG, Ornela Fernández, oficiou unha voda civil -como tamén fixo o seu colega de Poio, Luciano Sobral- mentres que o lalinense Rafa Cuíña tamén acudiu a unha pero só en calidade de convidado.

 

Comentarios