A camelia, protagonista esta fin de semana no Salnés

Celebraranse mostras en Vilagarcía, Vilanova e Cambados

Camelias. RAFA FARIÑA
photo_camera Camelias. RAFA FARIÑA

A camelia, flor por excelencia do Salnés e as Rías Baixas, será protagonista esta próxima fin de semana nas diferentes mostras que se celebran en Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados.

En Vilagarcía de Arousa, o Pazo de Rubiáns organiza visitas guiadas gratuítas polos seus Xardíns de Excelencia Internacional que conta con numerosas variedades de camelias, e, además, celebrarase a X Exposición da Camelia no centro sociocultural de Rubiáns na que estarán unha ducia de expositores.

Do mesmo xeito, o Concello de Cambados contará esta fin de semana con máis de 30 expositores na súa II Mostra Internacional da Camelia, organizada en colaboración coa Asociación Ibérica da Camelia e a Asociación de Comerciantes Zona Centro.

Na mostra participarán expositores procedentes de Galicia, Asturias e País Vasco, que estarán presentes no Salón Peña optando este ano á Camelia de Ouro Cidade de Cambados e a outros nove premios.

Ademais, nesta segunda edición a móstra estará vinculada ao mundo do mar e incluírá obradoiros nos que poden participar nenos e adultos.

Pola súa banda, Vilanova de Arousa prepara a cuarta edición da Mostra da Camelia que se celebrará no Pavillón Multiusos, coa presenza de 60 expositores e numerosas actividades, como unha saída en catamarán pola ría de Arousa.

A segunda fin de semana do mes de marzo o Concello de Vilagarcía pon en marcha a 54ª edición do Concurso Internacional da Camelia, que terá lugar os días 10 e 11 na Praza da Peixeiría. 

Comentarios