Case 300 alumnos inician o curso en Portonovo cun mes de obras pendentes

A colocación das fiestras restantes e parte do falso teito do edificio principal acometerase fóra do horario escolar, mentres que as actuacións no ximnasio de desenvolverán polas mañás
La cubierta del edificio principal y aseos se encuentran totalmente renovados. CEDIDA
photo_camera A cuberta do edificio principal e os aseos atópanse totalmente renovados. CEDIDA

Cinco días de atraso no inicio do curso é o que lle custou á comunidade educativa do CEIP Portonovo os contratempos derivados da marcha das obras que, segundo aclararon recentemente dende a Consellería de Educación, tiveron que ver coa demora na subministración da cristalería e coas choivas dos últimos días, que retardaron as actuacións na cuberta. Logo de pospor o día de arranque do curso ata en dúas ocasións, este xoves un total de 293 alumnos e alumnas de Infantil e Primaria comezarán as clases, aínda que terán que convivir ata mediados de outubro, un mes máis, coas obras que aínda quedan pendentes por concluír, aínda que desde o Goberno local explicaron que o remate dos traballos podería adiantarse.

Aínda que quedan varias actuacións por liquidar, son máis as que xa están a punto. Neste sentido, a cuberta do edificio principal xa se atopa totalmente instalada, do mesmo xeito que os novos chans das aulas de Educación Infantil e a totalidade das luminarias, fóra das do ximnasio, aínda que as dos vestiarios si están xa instaladas. Ademais disto, tamén pintouse a totalidade do centro no interior, tanto portas como paredes, polo que loce un aspecto renovado.

Pola contra, queda por terminar a instalación dalgunhas das fiestras, aínda que parte das novas xa se poden apreciar nunha das fachadas, e tamén está pendente o remate dos traballos de renovación do falso teito, unha das carencias que máis chama a atención no interior do edificio principal. A isto hai que sumarlle a obra da cuberta superior do ximnasio, que aínda non se puido terminar, aínda que si se fixo xa no exterior.

A pesar de que polo menos durante as próximas semanas o alumnado terá que convivir coas obras, desde o Concello anunciaron que a volta ás clases farase seguindo un plan que, ademais de estar adaptado á covid-19, estará pensado para garantir o desenvolvemento da actividade estudantil sen contratempos. Neste sentido, en canto aos traballos pendentes, centraranse no ximnasio e vestiarios do centro, onde se traballa xa na cuberta, mellora da iluminación e cambio das fiestras, durante a mañá. Mentres tanto, as obras que implican actividade no edificio principal, onde se desenvolven as clases, faranse fose do horario lectivo e do horario de comedor "sen que isto supoña un trastorno para o desenvolvemento normal das clases". Por outra banda, o patio e a zona de provisión de material das obras exteriores quedarán delimitados por valos para impedir o paso.

VISITA Ao CENTRO. O equipo directivo do centro abriu onte as portas a pais e nais interesados en coñecer o avance das obras, e convocou a un representante de cada curso para que puidese acceder ao interior e comprobar o estado no que e atopa o edificio para o inicio do curso. Aínda que nais de alumnos lamentaron os contratempos causados ás familias polos repentinos cambios sufridos no arranque do curso, na tarde de onte, a poucas horas de que o centro reciba ao alumnado, mostraron a súa preocupación pola presenza de diferentes "materiais de obras, cables e po de obra" no recinto escolar. Así o explicou unha nai de 2º curso de primaria que, tras asistir á visita, expresou o seu malestar "pola limpeza, a desorde e as estadas que aínda hai dentro do cole. Faltan cousas por retocar, aínda quedan falsos teitos descolgados, e tal e como vin o colexio nese momento non creo que estea listo para que vaian os nenos, fose mellor pór o día de inicio no luns e asegurar a limpeza", indicou.

As obras de renovación integral que está a acometer a Consellería de Educación no CEIP Portonovo atópanse executadas nun 80% e, para levalas a cabo, investiuse preto dun millón de euros.

Comentarios