O CEIP Portonovo inaugura o curso escolar baixo un protocolo "sen contratempos"

O alumnado terá que usar durante as vindeiras semanas un patio "reducido" por mor das obras que afectan ao pavillón ►  A ANPA confía nun "pronto" remate da obra con bos resultados
undefined
photo_camera O inicio do curso desenvolveuse baixo o habitual protocolo á entrada e á saída. JAVIER CERVERA- MERCADILLO

Sacos de material de construción e palés que conteñen as láminas para a cuberta do ximnasio son os novos inquilinos cos que o alumnado do CEIP Portonovo compartiu este venres o patio por primeira vez, nun inicio do curso que, con cinco días de retraso, levouse a cabo "sen contratempos", e seguindo o protocolo estipulado para garantir o desenvolvemento das clases e das obras sen que ningunha das dúas actividades interferiran entre si. Así o explicou o xefe de estudos do centro, Juan Laguarta, durante unha mañá "dentro da normalidade".

Precisamente, o único cambio que as obras están a representar para o alumnado é o uso do patio, no que aínda hai presenza de abundante material de constución que, sen embargo, atópase cercado debidamente, polo que non hai perigo de que os cativos poidan acceder a el, se ben esta circunstancia provocará que nas vindeiras semanas os nenos e nenas teñan que usar un patio "reducido" á hora do recreo, a causa das obras que se desenvolven no pavillón en horario de mañá.

undefined

Polo demais, as que afectan ao edificio principal, e que pasan pola instalación de ventás e falsos teitos restantes, levaranse a cabo fóra do horario lectivo e de comedor, tal e como anunciara o Goberno local.

Tal e como explicou o xefe de estudos, "nos pasillos retiráronse os andamios e, aínda que se pode atopar algún resto de obra, todo está limpo". Neste sentido, as aulas atópanse adaptadas para desenvolver as clases cómodamente, a falta da instalación "dalgúns caixóns de persianas e canelóns" en Infantil.

Dende a ANPA explicaron que as entradas e saídas leváronse a cabo de xeito "normal" e que durante as mañás non hai presenza de obreiros onde se desenvolven as clases. "No hay riesgo para los niños. Esperamos que este mes retiren poco a poco el material del patio, que progresivamente se vacíe la obra y que muy pronto tengamos un colegio libre de obra y muy bonito", asegurou a secretaria, Andrea Uhía. O alumnado de infantil de nova incorporación continuará co proceso de adaptación ata a semana que vén.

Comentarios