O ciclo 'Ás 9 na praia' incorpora os concertos ao seu programa de DJs

O piñeiral da Praia Compostela será o escenario de 15 actuacións
2020070213061973571
photo_camera O evento foi presentado no escenario onde se celebrará. F.S.

Lonxe de engurrarse ante as esixencias sanitarias que provoca a ameaza derivada da Covid-19, a Asociación de Hostaleiros e Iniciativas Turísticas de Vilagarcía (Ahituvi) e o Concello, dobran a súa aposta por Ás 9 na praia, un ciclo musical que ten como escenario o piñeiral situado na Praia Compostela.

Se ata a data o programa limitábase ás sesións de chill-out protagonizadas por DJs, este verán tamén haberá concertos para despedir a xornada co sol caendo sobre a ría. Outra novidade será que tamén soará a música clásica, a cargo de  Cristian Silva e Xosé Piñeiro, o 9. El Abuelo y Chiquillo serán os protagonistas do pase na xornada seguinte, mentres que o 11 fundirase a poesía de Juan Carballo cos sons dos Imperfectos. Pablo Vidal, co seu contrabaixo, estará acompañado pola voz de Clara Pino, o 15, mentres que o 17 será a quenda do cambadés Isi Vaamonde e a súa banda.

Juan Carlos Cambas, acompañante habitual de Dulce Puentes nos seus concertos, instalará o seu piano de cola baixo as árbores para actuar o 19, o trío liderado por Pablo Somoza collerá a substitución o 21, e a sesión de concertos finalizará co de Longa e Ysied.

As sesións de DJs estarán protagonizadas por artistas pouco habituais como o actor David Seijo ou o parlamentario do PSOE  Julito Torrado

A sesión de DJs estará a cargo de afeccionados á música que non figuran nos circuítos habituais pero actúan en grupos reducidos, como o actor David Amor (o día 10), o xornalista Antonio Garrido (12), Señora DJ (14), Moda Dj (16), o parlamentario do PSOE Julito Torrado (18), KDJ, (20), DJ Fangueira (22) e Maefild, que picará o día 24.

Como en anos anteriores, serán instaladas mesas de catro ou dúas cadeiras sobre as alfombras nun recinto acoutado cuxa capacidade máxima será dun centenar de espectadores. Non faltarán mojitos nin outros combinados (con e sen alcol). A música comezará a soar ás 21.00 horas e o inicio dos concertos será ás 22.00. Este evento foi presentado o pasado mércores polo concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, e o presidente de Ahituvi, Richar Santamaría.

Comentarios