Sanxenxo alerta da estafa dunha empresa que cobra polo padrón

A entidade, Gestoclic, cobrou 40 euros por unha xestión fraudulenta, utilizando impresos co selo da administración local
Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Sanxenxo tivo constancia este venres pola mañá dunha estafa por parte dunha empresa que opera online, Gestoclic.com, que cobrou 40 euros pola xestión do empadroamento no municipio a unha lucense, sen que finalmente se chegase a tramitar. A alerta saltou no departamento do Padrón municipal cando unha das persoas afectadas chamou para interesarse polo estado do seu empadroamento. Tras comprobar os datos, confirmouse que non se realizou xestión algunha para obter devandito empadroamento no municipio.

A empresa utilizou un dos impresos oficiais que se poden descargar na web do Concello de Sanxenxo para coar o engano, así como datos e documentación persoal da afectada. Unha suposta tramitación pola que cobrou 40 euros, pero que nunca se chegou a realizar.

O departamento xurídico municipal analiza neste momento se ademais da correspondente denuncia da afectada ante a Garda Civil, é posible interpor unha en nome do Concello de Sanxenxo pola utilización fraudulenta da súa imaxe.

Desde o Goberno local recordan que as persoas interesadas en empadroarse en Sanxenxo deben saber que se trata dun trámite gratuíto que poden realizar a través da sede electrónica do Concello de Sanxenxo, por vía telefónica ou a través do correo electrónico [email protected]. Só a través destes medios solicitarase a documentación pertinente para o empadroamento ou cambio de domicilio, sen que supoña custo algún.

Comentarios