O Concello de Sanxenxo incoará o expediente de reposición da legalidade á ruína de Progreso

O proceso que, segundo explicaron dende o Goberno local, está pendente de iniciarse, suporá o derribo parcial da estrutura cuxa construción está parada dende os anos 90 e presentar un novo proxecto
A parcela chegou a albergar unha vexetación descontrolada nos últimos anos. RAFA FARIÑA (ADP)
photo_camera A parcela chegou a albergar unha vexetación descontrolada nos últimos anos. ADP

O expediente da estrutura do edificio en ruínas, cuxa obra se paralizou nos anos 90 no número 146 da sanxenxina Rúa Progreso, verase alterado nos próximos tempos. E é que o Concello de Sanxenxo atópase pendente de incoar o expediente de reposición da legalidade, que provocará o necesario derribo dunha parte da edificación e, unha vez incoado dito expediente, será necesario que os actuais propietarios presenten un novo proxecto que se adapte ás normas urbanísticas actuais.

Así o explicaron dende o Goberno local que incidiu en que, se ben dende o Concello aínda non se iniciou o expediente, a última licenza outorgada aos propietarios do ruinoso inmoble está caducada dende hai arredor dun ano. De feito, o Concello iniciara en 2019 a tramitación para aprobar o expediente de caducidade da licenza outorgada no seu día aos propietarios da finca onde se levanta a estrutura, e dita caducidade chegou ao BOE en febreiro de 2020. Nese momento, tal e como explicaran dende o departamento de Urbanismo, as opcións que barallaban dende o Consistorio pasaban por un futuro expediente de derribo para o que habería que xustificar a insalubridade, se ben este non se contemplaba como primeira opción. Coa licenza caducada, outra posibilidade para a continuidade do edificio por parte dos propietarios pasaba por comezar un novo proceso axustado á normativa urbanística, algo que queda supeditado á intención exclusiva do propietario.

A pesar diso, todo apunta a que, haxa novo proxecto ou non, unha parte da estrutura terá que desaparecer nos próximos tempos. Neste sentido, a primeira licenza municipal para a parcela data de 1993, o mesmo ano no que se ordenou a suspensión das obras por non respetar a distancia coas parcelas colindantes, sobrepasada na altura e na ocupación do soto, ademais de iniciar unha segunda pranta non contemplada no proxecto. En 2011 unha nova licenza foi concedida para levar a cabo obras de demolición da estrutura, requisito principal para poder legalizala. A este respecto, emitiuse un informe en 2015 pero, ante a inacción dos propietarios, en 2019 incoouse o mentado expediente de caducidade de ambas licenzas.

Neste sentido, a licenza do 93 xa non se adecúa á legalidade, e a de 2011 só garantía a legalización das obras previa demolición, que nunca se chegou a realizar e, atendendo á nova legalidade urbanística e ao trascurso de tempo dende entón, quedou tamén anulada.

Os últimos movementos no entorno do edificio, que tiveron lugar a finais da semana pasada, responderon á retirada da vella lona publicitaria quebrada, que cubría os restos dunha obra que, durante décadas atrapada nun impás legal, supón unha das edificacións que máis empobrecen a estética urbanística do municipio, levantándose en plena rotonda de Arnelas.

Insalubridade. Queixas veciñais que perduran décadas
Dende a paralización das obras, o estado da estrutura abandonada pasou por varias etapas, nas que a mesta vexetación e a inactividade desembocaron incluso na presenza de ratas e pulgas en 2019. Un problema que aqueixaron especialmente os veciños das parcelas colindantes, que dende hai décadas viñeron denunciando as máis diversas situacións a nivel de insalubridade na céntrica Rúa Progreso.

O mesmo ano e, ante as queixas presentadas a través do Rexistro Municipal por parte dos veciños da zona, fíxose posible que o Concello esixira aos propietarios que adecentaran o terreo, acometendo unha limpeza que mellorou as molestias causadas por esta parcela privada á veciñanza.

Comentarios