O Concello de Vilagarcía construirá unha instalación de bombeo en Cea

A Xunta de Gobernoo acorda tamén renovar dous impulsores en Vilaxoán
Alberto Varela. ARCHIVO
photo_camera Alberto Varela. ARQUIVO

Na primeira reunión da Xunta de Goberno do ano, celebrada este luns, o Goberno local de Vilagarcía acordou executar dúas actuacións de ampliación e mellora do servizo de saneamento. A primeira, cun investimento de 12.000 euros, permitirá eliminar un punto negro de vertedura no Lago, na parroquia de Cea. A outra, cun custo de 5.000, servirá para renovar dous impulsores de bombeo de Vilaxoán.

O Concello encargou á empresa Escavacións e Construcións Diéguez a execución da obra no Lago. Os traballos consistirán en adaptar un antigo pozo, aberto hai anos pero que non chegou a ser usado, e pór en marcha a nova maquinaria precisa para bombear as augas residuais procedentes das casas e facilitar o correcto funcionamento da rede de saneamento.

Ata agora, a carencia da impulsión provocaba que se acumulasen neste punto, buscando unha saída natural cara a un regacho.

O Goberno local sinala que "coa obra proxectada e xa contratada resolverase ou problema e acabarase cun punto de verquido", ademais de precisar que os traballos a realizar poderán estar rematados nun prazo de pouco máis dun mes, ao que haberá que sumar o que tarde Fenosa en dar de alta o boletín para conectar e fornecer a enerxía necesaria para o funcionamento da instalación.

Os traballos a realizar no bombeo de Vilaxoán son máis sinxelos e da súa execución encargaranse directamente os operarios da Administración local.

Trátase dunha actuación de mantemento que consistirá na renovación dos dous impulsores actuais, que se atopan moi desgastados polo uso e a acumulación de area na zona, o que fai que o bombeo traballe moi lentamente.

Cos novos impulsores axilizarase o seu funcionamento, reducíndose o consumo de enerxía eléctrica.

Comentarios