Confusión sexual nas vides das Rías Baixas

As Bodegas Martín Códax veñen de eliminar a praga máis importante para a uva, a couza do acio, mediante un sistema de difusión de feromonas ▶ Esta técnica elimina o uso de insecticidas

Un técnico nos viñedos das bodegas Martín Códax. DP
photo_camera Un técnico nos viñedos das bodegas Martín Códax. DP

A APOSTA pola investigación e a innovación no eido da enoloxía está a dar os seus froitos.

A fin de garantir a sustentabilidade nos viñedos, as Bodegas Martín Códax continúan implantando técnicas respectuosas co medio ambiente, que buscan reducir o uso de insumos nos viñedos, é dicir o control biolóxico de certas pragas que afectan á vide, como é o caso da couza do acio, unha das máis importantes e prexudiciais, e faino mediante a confusión sexual destes insectos.

Os técnicos instalan nas viñas uns difusores de feromonas

No marco do proxecto Vinovert, chegado dende Francia e que involucra a países como Portugal e a España, e do que é partícipe Bodegas Martín Códax, Miguel Tubío, director técnico da empresa, explica que, "nesta campaña, xa se reduciu o uso de produtos para a eliminación das couzas, mediante unha práctica que impide que os machos deste insecto atopen ás femias, confundíndoos e evitando que as fecunden e introduzan os seus ovos nas uvas". Tal e como explica o experto, esta técnica permite que sen produtos químicos, se controle un problema de insectos que podería dar lugar á botrytis na vendima e consiste en instalar nas viñas uns difusores que expanden feromonas, producindo dita confusión sexual. "Deste xeito, elimínase a utilización dos insecticida, que de outra maneira sería aplicado un mínimo de dúas veces ao ano", engade Tubío.

Os efectos xa se notan nas fincas destas adegas, xa que os machos da couza non están aparecendo nas trampas habituais, que se colocan nos viñedos. Ao longo desta campaña obteranse os resultados dun control biolóxico que xa se aplica con éxito noutras zonas de España e, ademais, noutros cultivos como o da mazá.

CONTROL DE PRAGAS. Neste sentido, con motivo das xornadas técnicas de Vinovert, que veñen de desenvolverse na adega, e cuxo pilar é a sustentabilidade, e na que se falou precisamente de camiñar cara a redución do uso de insumos no viñedo, o director xeral de Bodegas Martín Códax, Juan A. Vázquez, quixo recordar que "ninguén coma nós, os viticultores, está preocupado polas terras que queremos deixarlles aos nosos fillos".

En Galicia, para controlar biolóxicamente este insecto, existe a dificultade da dispersión dos viñedos, por iso nas Bodegas Martín Códax, –incide Miguel Tubío– "estamos satisfeitos de ter aplicado xa este procedemento no cen por cen do noso viñedo propio, 128 hectáreas que constitúen o 26% da superficie total xestionada en Rías Baixas". Isto coloca á empresa como a que aplica esta técnica de control biolóxico da couza na maior superficie de viñedo galego.

Tubío detalla, así mesmo, que Bodegas Martín Códax empezou contactos con outras cooperativas e concellos coa intención de expandir este coñecemento a outros viticultores, que xa se están sumando á iniciativa, estendendo esta dinámica sustentable á toda Galicia.

Comentarios