Consternación en Vilagarcía pola morte de Paco Fernández, presidente de Cáritas Arousa

Faleceu aos 67 anos mentres paseaba
Paco entre amigos de Fundación Amigos de Galicia
photo_camera Paco Fernández. FUNDACIÓN AMIGOS DE GALICIA

Vilagarcía amenceu este martes consternada polo falecemento inesperado de Paco Fernández, presidente de Cáritas en Arousa durante 16 anos. 

O goberno local trasladou as súas "condolencias a súa familia e a toda a familia de Cáritas" tras o deceso de Paco Fernández, de 67 anos, mentres paseaba por unha zona á que adoitaba acudir habitualmente.

"Nestes duros e tristes momentos, o goberno local traslada o seu pesar e as súas condolencias á familia de Paco facéndoas extensivas a toda a familia de Cáritas, organismo ao que se entregou en corpo e alma nos últimos 16 anos, facendo unha gran labor social", indica o Concello nun comunicado.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, destacou "a afabilidade e positivismo dun home que sempre te recibía cun sorriso e que sempre estaba disposto a botar unha man",.

Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais, Tania García, recordou que mantiña "unha intensa relación profesional" con Paco Férnandez a través do protocolo de colaboración do Concello coas ONG: "Váisenos un dous mellores, un home que tanto ten dado e feito por axudar aos máis desfavorecidos".

Tamén mostraron o seu pesar desde Fundación Amigos de Galicia, da que era patrón desde hai 20 anos e desde onde destacan o seu "enorme implicación na axuda ás persoas máis necesitadas da sociedade".

Natural de Fene, Francisco Jesús Fernández realizou a carreira militar na Mariña, sendo destinado desde moi nova a diferentes destinos de España como Cartaxena ou Xixón. O seu último destino foi a Comandancia da Mariña en Vilagarcía de Arousa ata que pechou a mesma.

O funeral celebrarase na súa terra natal na máis estrita intimidade dada a situación epidemiolóxica. Fundación Amigos de Galicia anuncia que realizará un funeral "cando sexa posible" para que poidan estar presentes os seus amigos da entidade. Paco Fernández deixa muller e dous fillos.